viernes, 5 de junio de 2020

DÍA MUNDIAL DO MEDIOAMBIENTE

Bo día! Espero que todo o mundo esté ben. Imos camiño da fase 3 e iso supón achegarse cada vez máis á forma de vida que tiñamos antes de que empezase a crise do coronavirus. E digo achegarse porque, aínda que imos a mellor, hai todavía moitas cousas que non podemos nin debemos facer polo ben de todos e outras que hai que facer de xeito distinto.
Hoxe celebramos o Día Mundial Do Medioambiente. A pandemia trouxo como efecto colateral positivo unha baixada da contaminación, pero tamén trouxo un novo problema: o refugallo de mascarillas e luvas que se está a atopar case en calquera lugar. Por favor, polo noso planeta, pola nosa saúde e a dos demáis, o lixo hai que tiralo onde corresponde.
Buscando recursos para traballar isto atopei unha entrada do blog clubpequeslectores.com onde se fai unha selección de libros que pode ser da vosa interese, ben para mercar ou ben para pedir de empréstito nas bibliotecas que xa estén operativas. Nesta publicación ides obter información sobre:
  • 10 contos para espertar a conciencia medioambiental
  • 10 libros de coñecementos sobre a natureza para aprender a amala e protexela

Neste último mes seguirei publicando de forma máis espaciada e non a diario como fixen durante case todo o confinamento. De todas formas lembrade que sigo á vosa disposición. Podedes plantexarme calquer dúbida, pregunta, suxestión, etc nos comentarios do blog ou escribirme directamente a oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades unha boa fin de semana. 
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 22 de mayo de 2020

SER XENIAL EN INTERNET

Bo día, rematamos a semana cun tempo marabilloso e coa posibilidade moi real de entrar na fase 2 en breve. Repítovos o de sempre, tede cautela, que as cousas vaian mellor non significa que o problema se arranxara. Segue aí e seguimos sen vacina. 

Hoxe teño para vós un recurso que xurde da colaboración entre Google, Policía Nacional, o Instituto de Ciberseguridad (INCIBE) e a FAD. O proxecto chámase "Sé genial en Internet" e se trata dunha iniciativa para ensinar a nenas e nenos bos hábitos no entorno dixital. Ofrece recursos para familias e educadores e a peza central do programa é o xogo Interland. Se premedes na imaxe accederedes ao programa.


Que teñades unha boa fin de semana.
Unha aperta da profe Lydia

lunes, 18 de mayo de 2020

MÁIS RECURSOS E UN RETO

Bo día! Empezamos unha semana máis cun tempo marabilloso. Isto sempre axuda a recargar as baterías e a sentirnos mellor. Non hai nada de malo niso, sempre e cando non esquezamos que o perigo está aí. Estamos na fase 1, pode que a vindeira semana pasemos á fase 2. Pero debemos ter moito coidado cando saímos aí fóra. De como fagamos as cousas dependerá que non reculemos e volvamos a ter que estar confinados nas nosas cosas.

Para que non deixemos de ter isto presente teño para vós un artigo do blog Clubpequeslectores.com. Nesta publicación de finais de abril tedes acceso a:

  • Álbumes ilustrados de libre descarga
  • Libros sobre o confinamento e covid-19
  • Libros de narrativa de libre descarga
  • Imprimibles relacionados con libros infantís
  • Outros libros e recursos gratuitos
Só tedes que premer na imaxe para acceder á publicación.



Pero como hai vida máis aló do virus, paréceme interesante compartir con vós un reto da profe Amparo relacionado cos xogos tradicionais e aberto a todo o que queira participar. Se premedes na imaxe de debaixo accederedes á publicación da semana pasada onde se explica en que consiste. Non esquezades que está a vosa disposición tamén a páxina web de Educación Física, onde tedes unha chea de recursos que podedes empregar.



Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 15 de mayo de 2020

CONFLITOS ENTRE IRMÁNS/AS

Bo día! Sinto non ter estado máis presente ao longo desta semana, pero ás veces non se pode con todo.
A publicación desta semana do excelente blog clubpequeslectores.com pode ser xusto o que estades buscando moitos de vós. De toda a vida os irmáns/as por moi ben que se leven teñen os seus piques. Este período de cuarentena pode ser que fixera que se sexan máis evidentes. Se cadra é o momento de intervir para reconducir a relación, pero sempre desde a disciplina positiva e a educación emocional. E iso é o que se nos propón na publicación. Unha breve descrición xustificando a necesidade de traballar estes aspectos e, ao final, un pdf descargable con recursos prácticos sobre como facelo. Non ten desperdicio. O feito de que teña 31 páxinas non significa que sexa pesado de ler. Ao contrario, está cheo de exemplos e recursos concretos. Se premedes na imaxe accederedes á publicación. Ao final da mesma atoparedes o enlace de descarga do pdf.


Xa para rematar desexo que teñades un bo Día das Letras Galegas o vindeiro domingo. Coa cantidade de eventos que faciamos no cole nesta semana...Xa haberá máis anos!

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

martes, 12 de mayo de 2020

QUE DEBEMOS SABER SOBRE O FORNITE?

Bo día!
Este é o segundo día dentro da fase 1. Lembrade que hai que extremar as precaucións. Do que fagamos ou non fagamos agora vai depender o noso futuro, porque o virus segue aí.

Onte chegoume un correo da Asociación Érguete cun sinxelo pdf sobre o Fornite, ese xogo tan popular. Non son quen para dicir o que cada familia debe facer ou non na súa casa, pero sí podo compartir este documento para que reflexionedes sobre este xogo. Pensemos primeiro e actuemos despois. Repito, é un documento moi sinxelo que vos vai axudar a entender mellor en que consiste o xogo e por que hai que extremar as precacucións, no caso de que optedes por deixarlles xogar aos vosos fillos e fillas. Se premedes na imaxe accederedes ao documento.



Pode ser que esta semana publique menos do habitual, porque nestes días se me xuntaron varias xestións persoais e profesionais á vez. Pero iso non significa que non siga aquí. Lembrade que contades comigo para o que necesitedes e esté na miña man, ben a través dos comentarios desta publicación ou ben a través do correo electrónico oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 8 de mayo de 2020

MAIS RECURSOS PARA A EDUCACIÓN EMOCIONAL

Bo día!

Rematamos unha semana máis disfrutando de algo máis de libertade fóra da casa, pero respectando as normas indicadas porque ninguén quere unha volta atrás, verdade?

Hoxe volvo insistir na importancia dun axeitado desenvolvemento emocional. Sigo compartindo recursos deste tipo porque todo isto nos afecta en maior ou menor grao. Tamén podemos darlle a volta e aproveitar este tempo para facer en familia actividades que axuden a tratar esta temática. E diso tratan os caderniños que comparto hoxe: dunha serie de propostas, actividades e recursos por idades para compartir, de forma que , ao mesmo tempo, reforzamos o vínculo familiar. Só tedes que premer no caderniño das idades nas que estedes interesados. 






Que teñades unha boa fin de semana!
Unha aperta da profe Lydia

miércoles, 6 de mayo de 2020

RECURSOS PARA PROFES

Bo día!
Xa estamos no ecuador da semana. A publicación de hoxe está pensada para profes pero iso non significa que non sexa de utilidade para o resto da comunidade educativa, aínda que sexa con outros fins. 

O profesorado vive un momento complicado no que ten que adaptar a súa forma de traballar e mesmo, ás veces, empezar a facer tarefas que non fixera nunca . É dífícil estar preparando actividades sen saber se se van modificar as demandas dende a Xunta ou do goberno e facendo, á vez, traballo burocrático. E aínda máis difícil é seguir formándose á vez que se está a traballar dunha forma distinta á que se facía ata agora. Pretender encher de páxinas de recursos esta publicación sería absurdo porque o profesorado non dispón neste momento de tempo suficiente para revisalos. Por iso gustáronme dúas publicacións que compartiu  Orientación Andujar, porque son breves e concisas, e ao mesmo tempo, de utilidade.

 A primeira é unha recomendación de 12 recursos. Algúns deles os coñecía e outros non. Se cadra poden ser de utilidade para algúns no que queda de trimestre ou para ser tidos en conta para o vindeiro curso.


A segunda publicación é un curso en vídeo para facer mapas mentais  moi interesante.



Se premedes nas imaxes accederedes ás dúas publicacións.

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

martes, 5 de mayo de 2020

MÁIS CONSELLOS PARA ORGANIZARSE

Bo día!
Estamos na recta final do curso e a iso súmase o incio da desescalada. Temos uns horarios para as saídas e se facemos uso deles temos que organizarnos ben. Facer horarios, establecer rutinas é a mellor forma de facelo, como xa temos falado. Pero é así, tanto en tempos de cuarentena como en épocas normais.
Comparto con vós hoxe un recurso do D.O. do CEIP Eusebio da Guarda. É interactivo, polo que se ides premendo nos distintos apartados (a partires de 04) accederedes a máis información da que vedes. Premede na captura de pantalla para acceder ao recurso .



Sei que estou a insistir moito neste tema pero é porque me consta que o confinamento desestabilizou os horarios e as rutinas de moitas familias.
Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

lunes, 4 de mayo de 2020

ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE ORAL

Bo día!

Espero que disfrutásedes ben esta longa fin de semana. Seguro que máis de un aproveitou para facer saídas nos horarios permitidos dende o sábado, respectando as medidas de hixiene e distanciamento social.

Empezo a semana compartindo con vós un recurso que atopei no blog galego  "Prohibido non falar". Trátase dunhas recomendacións para estimular a linguaxe oral aproveitando as actividades cotiás na casa. Ás veces esquecemos que temos diante de nós oportunidades a diario que podemos aproveitar en familia e que, ao mesmo tempo, axudan na aprendizaxe.


Lémbrovos que se tedes calquera dúbida, suxestión, petición, etc á que pensedes que podo dar resposta, estou á vosa disposición, ben nos comentarios desta publicación ou escribindo un email a oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

miércoles, 29 de abril de 2020

A RUTINA E MÁIS IDEAS EN FORMA DE CONTO

Bo día!
Ao tonto e xa estamos no ecuador da semana, o tempo pasa voando. Hoxe quero lembrarvos a importancia de seguir unha rutina na casa. Pensade que pasamos de saír con completa liberdade a pasar ao confinamento obrigatorio de un día para outro e iso costou un montón.

Pero se durante este tempo na casa non levamos unha rutina saudable e, ao mesmo tempo, flexible, a volta á "normalidade" custará aínda máis. Non é o mesmo pasar unha fin de semana de manta e sofá, cos horarios cambiados e comendo trapalladas, que facer iso durante semanas ou meses, non credes?

Por iso, e a pesar de que xa deixei recomendacións ao respecto nas primeiras publicacións, deíxovos un pequeno recordatorio que publicaron no CEIP Eusebio da Garda. Curto, sinxelo e claro, espero que vos guste. Só tedes que premer na imaxe.



E xa para rematar, por se segue habendo dificultade á hora de pensar en que podemos facer na casa, déixovos unhas propostas, esta vez en modo de conto.



Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

martes, 28 de abril de 2020

RECURSOS DE EDUCACIÓN RESPONSABLE

Bo día! 
O programa de Educación responsable segue a pensar en nós, aínda que estemos na casa. Enviáronnos un terceiro documento con recursos para seguir a traballar de maneira integral o desenvolvemento afectivo, cognitivo, social e a creatividade dos nosos nenos e nenas.

Xa é o terceiro documento que nos envían e recolle o contido dos dous anteriores. Aparecen diferenciados, e por orde, os recursos que aparecían no primeiro documento, no segundo e os que se engaden neste documento (cunha bombilla diante). Para acceder ao programa só tedes que premer na imaxe.


Lémbrovos que se tedes algunha consulta que facer, algunha proposta de contido que queredes ver, etc podedes poñervos en contacto comigo a través dos comentarios de cada publicación ou escribindo un email a oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

lunes, 27 de abril de 2020

GUÍA PARA AS SAÍDAS CON NENAS E NENOS

Bo día, espero que tivesedes unha boa fin de semana.

A saída dos nenos e nenas, medida que levaba días en boca de todo o mundo, fíxose efectiva onte. Dende o balcón do meu piso  vin de todo, é dicir, persoas que respectaban as indicacións dadas polo goberno e persoas que non. Trátase de que velemos pola nosa saúde e pola de todos, é preciso facelo ben.

Atopei a guía que publicou o goberno para facer estas saídas  de forma correcta. Se premedes na imaxe accederedes a ela.



De todos os xeitos quero que non esquezades que hai moitas formas de divertirse e de manterse en forma, de desconectar, de coidar da nosa saúde, etc que non precisan saír da casa. Se visitades a páxina de Educación Física do cole tedes unha chea de recursos que a profe Amparo e o profe Guillermo seleccionaron con ilusión para vós. Podedes acceder a ela visitando a páxina web do centro e premendo na casilla de Educación Física ou premendo na imaxe que a aparece a continuación.



Espero que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 24 de abril de 2020

HOXE, COLABORACIÓNS ESPECIAIS

Bo día, para min hoxe é un día especial. O motivo, tiven que cambiar o que ía publicar porque tres compañeiras distintas compartiron recursos comigo que  me pareceron tan estupendos que decidín compartilos tamén neste blog.

A través da profe Rosa Juncal, que traballou no centro en varias ocasións, coñecín un recurso que subiron ao seu blog o equipo de docentes do CEIP Rosa Luxemburgo, en Parla. Trátase dunha Gymkana literaria con distintos recursos para divertirse e, ao mesmo tempo, celebrar o día do libro.


A profe Belén, titora de 1º, envioume un conto que aparece na páxina de recursos de ARASAAC. Trata especialmente do que hai que facer cando os nenos e nenas poidan saír á rúa, a partires deste domingo.



Por último, a profe Ana da EEI de Ventosela, envioume un enlace a un vídeo que fixeron os nenos e nenas da súa escola sobre o coronavirus. Tamén participaron algúns irmáns maiores que estudian no cole de Reboreda.




Graciñas ás tres por compartir estes recursos.

Despídome por hoxe, que teñades unha boa fin de semana.
Unha aperta da profe Lydia

jueves, 23 de abril de 2020

FELIZ DÍA DO LIBRO

Bo día!
Cada ano celebramos o 23 de abril o día do libro. Normalmente temos actividades no centro que incluían os últimos anos, invitar ás familias á vir ao centro a facer a lectura silenciosa co alumnado e profesorado. Obviamente iso non o podemos facer, pero non significa que non podamos celebralo doutras maneiras.

A miña forma de celebrar este día é compartindo varios recursos relacionados co tema. O primeiro deles é invitaros a visitar o Salón Virtual do libro. Este ano, por motivos obvios, non hai Salón do libro en Pontevedra. Pero sí hai unha proposta virtual con actividades coas que podedes pasar un bo rato. Se premedes no enlace accederedes a elas.

O resto dos recursos de hoxe son 3 libros que vos poden interesar por distintos motivos. Se premedes nas imaxes accederedes aos libros en pdf.

"Un cuento para la imaginación" é un conto interactivo para ler en familia cos máis cativos e ir construíndo a historia contestando ás preguntas que aparecen.

"La máquina del tiempo" trata  dun neno que ten que pensar que quere de agasallo de aniversario porque a súa avoa así llo pediu. É interesante ver como vai cambiando de opinión e por que.


O último libro titúlase "Mi casa es un castillo". Presenta rutinas para os nenos e nenas que non poden saír da casa e unha breve introdución para as familias para orientar no seu uso.


Espero que vos gusten. Que teñades un bo día!
Unha aperta da profe Lydia

miércoles, 22 de abril de 2020

AVENTURAS NA CASA

Bo día! Xa estamos a metade de semana. Hoxe teño unha proposta diferente que me chegou por un grupo de Orientación do que formo parte. Trátase dun xogo que vos pode servir, ao mesmo tempo, para dar unha volta...pero pola casa jeje.

O xogo consiste nun taboleiro con casillas de diferentes cores, con preguntas asociadas a distintas partes da casa. Se premedes no botón do dado este comeza a moverse e parará cando volvades a pulsar. E, como noutros xogos que coñecedes, hai que ver en que casilla nos toca e contestar á pregunta. Só tedes que premer na imaxe para acceder ao xogo.



De vós depende xogar en familia, en parellas...se engadides normas como retroceder ou avanzar dependendo do número de respostas correctas, etc. Partindo do taboleiro podedes complicalo ou simplificalo todo o que queirades. Quen non variou as normas dalgún xogo na súa casa e fixo unha versión nova do mesmo? Usade a vosa creatividade e mesmo a partir de aquí se vos poden ocorrer outros xogos diferentes, con outras preguntas e outras categorías, por exemplo.

A pesar das circunstancias non debemos olvidarnos de disfrutar. Que teñades un bo día!
Unha aperta da profe Lydia

martes, 21 de abril de 2020

O USO DAS PANTALLAS DURANTE O CONFINAMENTO

Bo día! Xa estamos de volta tras unha longa fin de semana polo festivo local. Espero que tivesedes a oportunidade de disfrutala en familia, compartindo actividades  que sí podemos facer, a pesar de estar en confinamento.

Hoxe comparto con vós un recurso que me enviaron dende a Asociación Érguete, coa que temos contado para levar a cabo algunha actividade  no colexio neste curso. Este colectivo reuniuse con outros máis para elaborar e difundir un decálogo de uso das pantallas "en tempos de coronavirus".
Este é un tema que preocupa sempre e, de feito, xa tivemos este curso unha charla relativa ao uso das redes sociais e das pantallas en xeral co alumnado de 5º e 6º.

O caso é que actualmente, coa cuarentena, poden darse diversas situacións nas casas: abusar no tempo de uso, acceder a contidos inadecuados, ter problemas para compartir os recursos dixitais na familia, etc. O que pretende este catálogo é dar unha serie de indicacións que axuden a evitar ou minimizar ditos problemas. Se premedes na imaxe accederedes ao recurso.



Antes de despedirme fago, unha vez máis, dous recordatorios:
  1. Todos os recursos que subín ata agora podedes atopalos na páxina web de recursos, columna da esquerda. Se estades usando un smartphone seleccionade visión web para poder vela.
  2. Se tedes algunha dúbida, consulta, proposta de recursos que queredes que comparta no blog, etc podedes deixalo nos comentarios desta publicación ou enviarme un correo a oscativosdareboraina@gmail.com


E agora sí, despídome por hoxe. Que teñades un bo día!
Unha aperta da profe Lydia



viernes, 17 de abril de 2020

MÁIS RECURSOS DE EDUCACIÓN RESPONSABLE

Bo día!
Rematamos a primeira semana de clase deste trimestre. A pesar da reunión que se celebrou o mércores para tomar decisións sobre este final de curso, todavía seguimos á espera das instruccións da Xunta nas que se concrete todo o que se acordou. 

Mentres, continuamos co noso traballo. Ao pouco de comezar o confinamento, dende o programa de Educación Responsable, no que está o noso centro dende este curso, se nos enviou un pdf con recursos para traballar o desenvolvemento afectivo, cognitivo, social e a creatividade. Hoxe comparto con vós un segundo pdf que nos enviaron, que inclúe as actividades do primeiro e engade algunhas novas. Estas actividades, as novas, aparecen marcadas cunha bombilla diante do seu título.

Son actividades que van máis alá do académico e que perseguen o desenvolvemento integral do alumnado. Traballan eses aspectos tan necesarios sempre na educación de nenos e nenas, e máis especialmente neste momento que estamos a vivir. Se premedes na imaxe accederedes ao documento.



Lémbrovos que o luns 20 é festivo en Redondela polo que temos unha fin de semana longa para volver recargar pilas. O martes estaremos de volta.

Unha aperta da profe Lydia

jueves, 16 de abril de 2020

APRENDE DESDE CASA...CON YOUTUBE

Bo día!
Como quen non quere a cousa xa estamos case a rematar a primeira semana deste trimestre. Hoxe deixamos aparcado temporalmente o tema das emocións  para presentar unha nova iniciativa. Neste caso trátase de Youtube, que tamén quere por o seu gran de area para facilicitar a aprendizaxe desde a casa. Para facelo seleccionou listas de reprodución e canles educativas e organizounas de dúas formas:

  • Por tramos de idade: maiores de 13 anos, maiores de 5 anos e preescolar
  • Por contido (só para os maiores de 13 anos): ciencias, matemáticas, cultura xeral e "Estudia comigo"
É unha páxina sinxela de usar. Unha vez escollededes o tramo de idade premedes nel e accededes ás listas de reprodución e canles educativas recomendadas, seleccionades unha e listo!


Recórdovos unha vez máis que estou á vosa disposición. Se queredes resolver dúbidas, plantexar preguntas, solicitar algún recurso específico, etc podedes facelo nos comentarios da publicación ou enviando un correo a oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día!
Unha aperta da profe Lydia

miércoles, 15 de abril de 2020

...A VOLTAS COAS EMOCIÓNS

Bo día!

Xa estamos no segundo día de clases do terceiro trimestre. Andamos pendentes do que decidan as autoridades na reunión de hoxe pero, mentres, hai que tirar para adiante, non queda outra. Gustoume ver onte as propostas das compañeiras que teñen blog: o traballo con rimas da profe Aida; o novo reto da profe Rosa; os consellos de hixiene postural e propostas para facer malabares da profe Amparo; as mensaxes de ánimo e as danzas para subir a enerxía da profe Isabel e a inauguración do blog de 6º cunha proposta de expresión escrita sobre o coronavirus. Mirar o que suben cada día é o máis parecido a reunirnos na sala do profesorado para comentar en que proxectos andamos metidos...

En fin, imos ao lío...Como xa comentaba onte, a xestión emocional é importante sempre, pero nestas circunstancias aínda máis. Así que todas as semanas incidirei en aspectos relacionados coas emocións para tratar de levar isto, e todo en xeral, da mellor forma posible.

Como xa sabía da miña intención, a profe Vero, do programa ARCO, que daba reforzo nas aulas en 5º e 6º, púxose en contacto comigo para falarme de dous recursos que atopou para traballar nesta liña. Graciñas profe!

O primeiro deles é un conto que comparten de forma gratuita emoveriainteligenciaemocional.com.
Trátase dun libro que facilita a expresión das emocións e da alternativas para o aburrimento nesta época. Se premedes na imaxe accederes ao enlace de descarga.


O outro recurso é tamén un libro en pdf ao que dan acceso gratuitamente palabrasaladas.com. É unha proposta completa que ven con fichas de traballo tamén. Na páxina que vos deixo enlazada explican perfectamente o recurso e como podedes empregalo. Só tedes que premer na imaxe.



Supoño que mañá xa teremos noticias sobre as decisións que as autoridades tomaron respecto do terceiro trimestre. Mentres tanto, aproveitade o día!

Unha aperta da profe Lydia

martes, 14 de abril de 2020

XA ESTAMOS DE VOLTA!

Bo día! Espero que estes días de vacacións, aínda que fosen dende o confinamento das nosas casas, vos serviran para desconectar un pouquiño. Pero xa chegou o momento de inaugurar o terceiro trimestre.

Sei que a moitas persoas a volta ao traballo ou aos estudios non a levan especialmente ben e, nestas circunstancias, aínda menos. Cos nenos e nenas sucede o mesmo, e máis se xa de por sí hai dificultades coas tarefas curriculares. De momento non recibimos instruccións sobre como organizar o terceiro trimestre así que, mentres isto non suceda, seguro que todo o profesorado tratará de subir contido de reforzo ou de repaso, algo que xa se soe facer ao voltar dun periodo non lectivo.

Para poñer o meu gran de area á hora de facilitar esta volta ás clases (aínda que non sexan presenciais) hoxe teño dous recurso para vós:

O primeiro recurso é un libro de Weeblebooks especialmente adicado aos máis cativos, o alumnado de infantil. É un libro sonoro. Para escoitar os sons tedes que descargar o libro no pc e ter habilitada a última versión de flash player. Se premedes na imaxe accederedes ao enlace para poder descargalo.


O segundo recurso de hoxe ten que ver co mencionado ao principio da publicación. Volver ás clases, ao traballo, ou mesmo o confinamento, poden ser situacións que nos agobien un pouco. Pero sentirse nervioso, ansioso, agobiado pode ser algo que acontece en calquer momento. Crear un rincón da calma  para baixar revolucións durante un rato non é algo que se acabe de inventar, pero pode ser un bo recurso para empezar a empregar agora. Atopei un artigo estupendo onde se explican os beneficios deste tipo de rincóns e instruccións para crealos no excelente blog Clubpequeslectores. Se premedes na imaxe accederedes ao artigo.



Lémbrovos que, como orientadora do centro, estou á vosa disposición para resolver dúbidas, preparar ou buscar material específico que necesitedes... Podedes poñervos en contacto comigo nos comentarios desta publicación ou enviando un email a oscativosdareboraina@gmail.com Se está na miña man axudar, tede seguro que así o farei.

Que teñades un bo día!
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 3 de abril de 2020

...E CHEGAN AS VACACIÓNS

Bo día! Chegou o momento das vacacións, de que alumnado e profes apaguemos o "modo cole" durante uns días. Vai ser un pouco raro pasar as vacacións metidos na casa pero hai que sacarlle o máximo partido.

Teño dúas propostas para esta despedida temporal, aptas para todas as idades. A primeira delas trata de que nos enfoquemos no positivo e non no negativo do que estamos a vivir; que disfrutemos das pequenas cousas, do que sí podemos facer. É unha proposta que non é nova, pero que me parece axeitada para esta situación. Se premedes na imaxe accederedes a unha publicación do 2018 de superpt.es onde se explica en que consiste.



A segunda das propostas, e xa como despedida, ten que ver con recordarvos que hai que quedar na casa. Pero se é en forma de canción, e ademais apoiada en lingua de signos, moito mellor. Graciñas profe Ángeles por compartir onte o enlace a este vídeo.


Os mestres e mestras todavía non sabemos que é o que vai pasar coa terceira avaliación, estamos exactamente igual que as familias. As autoridades aínda están a tomar decisións e esperamos que durante as vacacións, ou xusto á volta, se nos comunique cal é o enfoque a seguir para o que queda de curso. Así que intentemos desconectar estes días  e a ver que sucede despois.

Ata o martes 14 de abril.!
Unha aperta da profe Lydia

jueves, 2 de abril de 2020

DÍA MUNDIAL DO AUTISMO

Boas de novo!

Despisteime de que hoxe era día 2 de abril e que, como cada ano, se celebra o Día Mundial do Autismo co obxectivo de concienciar a sociedade e promover a inclusión das persoas con TEA (Trastorno de Espectro Autista).
Non todos as persoas con TEA  son iguais nin teñen o mesmo grado de afectación. Se queredes saber un pouco máis das características principais que soen presentar, premede na imaxe.



Déixovos tamén cun vídeo que me chegou a través dun grupo de whatsapp de orientador@s do que formo parte. Trátase dunha canción de Seso Durán baseada no conto "El día de Manuel"


 Ser diferente é só eso, ser distinto, nin mellor nin peor. Non hai dúas persoas iguais e, tede por seguro, non hai ningunha persoa perfecta. Todas as persoas somos diferentes pero iguais en dereitos.

Cociña a conCiencia

Boas! Penúltimo día de clase antes das vacacións de Semana Santa. Aínda que as cousas non varíen moito porque temos que seguir na casa, o certo é que desconectar un pouco do cole polas vacacións tamén é necesario.

A profe Vero, profe de apoio do programa ARCO para 5º e 6,º suxeriume que un taller de cociña ou algo similar podería ser unha boa idea para estes días. Falando con ela acordeime do recurso que vos traigo hoxe, un vello coñecido dos meus exalumnos e exalumnas. Trátase de Weeblebooks, unha web que ten unha gran oferta de libros de distintas temáticas que podedes visionar directamente na web, descargar en pdf, instalar a app na tablet... Podedes buscalos por categorías, por idades, por idioma, etc.

Entre todos eses libros a miña proposta é: Cocina a conCiencia. Neste libro combínanse as receitas de cociña con curiosidades científicas sobre os ingredientes das mesmas ou sobre os procesos que teñen lugar para a súa elaboración. É dicir, é un 2x1, por unha parte practicades as vosas dotes na cociña e pola outra aumentades os vosos coñecementos científicos. É outra forma de complementar o recurso de experimentos que compartín con vós a semana pasada.
Se premedes na imaxe accederedes á páxina onde podedes ver o libro online ou descargalo en pdf.



Que teñades un bo día! 
Unha aperta da profe Lydia


miércoles, 1 de abril de 2020

Programa #AfundaciónEncasa

Bo día! 
Xa estamos no ecuador da semana, a dous días para rematar o segundo trimestre do curso. Xa están ás portas as normalmente ansiadas vacacións de Semana Santa que, este ano, disfrutaremos nas nosas casas.

Tras dúas publicación relacionadas coas emocións, algo que é moi necesario traballar sempre pero aínda máis agora, hoxe traigo outra proposta para toda a familia. Trátase dos recursos que pon á nosa disposición AFundación, a obra social de Abanca.
Podedes accededer a eles premendo na imaxe.



Pulsando nas distintas iconas ( cultura na casa, educación...) accededes aos distintos recursos. Podedes ir mirando ata localizar aqueles que sexan de interese para vós ou, unha vez na páxina se baixades na pantalla veredes unha recomendación de tres recursos que varía cada día. Hai de todo un pouco e para todas as idades: contacontos, manualidades, conferencias, visitas ao museo...).

Lémbrovos que se necesitades calquer recurso específico, tedes dúbidas, precisades orientación dalgún tipo, etc non dubidedes en poñervos en contacto comigo a través do correo do blog: oscativosdareboraina@gmail.com  Se está na miña man poder axudar, fareino.

Que teñades un bo día!
Unha aperta da profe Lydia

martes, 31 de marzo de 2020

...E SEGUIMOS COAS EMOCIÓNS

Bo día! Co ben que se estaba disfrutando do sol estes días, aínda que fora desde a casa, e resulta que temos que abrigarnos outra vez. Cousas da primavera...

Hoxe tráigovos un recurso que se complementa coas actividades do programa de Educación Responsable que subín onte. Trátase dunha proposta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para acompañarnos durante o confinamento. 

Nun caderno en pdf ensinan traballos realizados por nenos e nenas de distintas idades e, a partir da páxina 17, fan unha proposta de actividades para que cada un faga o seu propio caderno. Sacar ao fora o que sentimos e o que pensamos neste momento é unha boa idea porque nos pode axudar a levalo moito mellor. Se premedes na imaxe accederedes ao recurso.



Este caderno quedará na páxina de recursos (columna da esquerda) no apartado de recursos xerais.
Espero que este recurso vos sexa de utilidade.

Espero que teñades un bo día

Unha aperta da profe Lydia

lunes, 30 de marzo de 2020

RECURSOS DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN RESPONSABLE

Bo día, xa estamos a luns! Espero que pasásedes unha boa fin de semana dentro do que cabe. Como mínimo imos ter que estar outros quince días máis de confinamento e hai que manterse nas mellores condicións posibles.

Por este motivo recibimos novas do Programa de Educación Responsable, do que o centro comezou a formar parte neste curso. Trátase dun programa que pretende o desenvolvemento integral do alumnado a través de actividades para o desenvolvemento afectivo, cognitivo, habilidades sociais e creatividade. Como primeiro curso só un pequeno equipo do centro formado por 9 persoas é o que se forma e leva a cabo as actividades  co alumnado. Nos seguintes cursos o profesorado e o alumnado que leva acabo o programa vaise ampliando progresivamente.

O caso é que as normas impídennos subir os recursos pero non os resultados das actividades que facemos. Pero dado que estamos nunha situación excepcional, na que non temos alumnado presencial  para seguir o programa, enviáronnos un pdf con recursos para que as familias poidades utilizar na casa e que podemos compartir sen problema por webs, blogs , etc do centro. Deste modo podemos chegar a todo o alumnado do centro, incluso ao que neste curso todavía non participa no programa.
Só tedes que premer na imaxe para acceder ao pdf. Tamén quedará recollido na páxina web de recursos (na columna da esquerda) no apartado recursos xerais.



Espero que teñades un bo día. 
Unha aperta da profe Lydia


viernes, 27 de marzo de 2020

XOGO DE LECTOESCRITURA ONLINE

Bo día!
Xa estamos a venres, que rápido pasou a semana!. Por se non vos enteráchedes hai novas relacionadas coa segunda avaliación, vacacións de Semana Santa e terceiro trimestre, publicadas dende onte tanto na web como no instagram do cole.

Onte vin unha proposta no blog de 4ºB que me pareceu moi chula e que está aberta a quen quera participar. Eu xa estou pensando no vídeo que vou grabar para mandarlle á profe Amparo. Animádevos!

Cambiando de tema, hoxe vos traigo un recurso pensando especialmente naquel alumnado que estaba arrancando coa lectoescritura ou que ten dificultades coa mesma. O recurso ten varios niveis:

  • Nivel 1: vogais
  • Nivel 2:  sílabas directas
  • Nivel 3: sílabas inversas
  • Nivel 4: sílabas trabadas
Ollo! Este xogo educativo online só serve para ordenador, non se ve en tablets  e smartphones polo programa que usa. É sinxelo pero eficaz, e ten variedade de xogos dentro de cada nivel. Se premedes na imaxe accederedes a el . Pulsade onde pon comezar e accederedes á pantalla cos distintos niveis. Escollede o voso e...A xogar!

E isto é todo por hoxe. Espero que estedes levando o confinamento da mellor forma posible. Que teñades unha boa finde!

Unha aperta

A profe Lydia

jueves, 26 de marzo de 2020

EXPERIMENTOS PARA OS DÍAS DE COLE NA CASA

Bo día , que tal o levades? Xa estamos na metade da semana, non é que os días sexan moi diferentes uns doutros neste momento, pero significa que o tempo vai pasando. Un día máis é un día menos que nos queda de confinamento.

Onte volvín a pasarme polos blogs das compañeiras do cole. A profe Aida, entre os moitos recursos que subiu, mostrounos un conto sobre o coronavirus. A profe Rosa fixo unha proposta de facer marcapáxinas. En abril celebramos o día do libro así que é unha forma de irnos preparando. A profe Isabel achegounos recursos relacionados coa actuación de Aureas no cole, baile incluido para practicar na casa tamén. E a profe Amparo, deunos consellos de alimentación e hábitos saudables, algo moi importante sempre, pero especialmente nesta época aínda máis. Que haberá hoxe nos seus blogs ?

Non o sei, terei que  mirar despois de subir esta publicación. O que si sei é o que vos traigo eu, e está  está relacionado coas ciencias. O alumnado de maxisterio da Universidade de Salamanca preparou uns libros en pdf para facer experimentos na casa:
Tamén subiron a unha canle de youtube videos cos experimentos. Se premedes na imaxe accederes a ela.

Podedes ver cales vos gustan máis para facer e, sobre todo, escollede aqueles para os que teñades o material necesario na casa. Xa quedarán para outra ocasión os experimentos que precisen mercar algo. Salidas da casa as xustas, non vos esquezades.

Lémbrovos que na columna da esquerda tedes o acceso á páxina de recursos onde vou subindo os recursos que vos recomendo en cada publicación.

Déixovos por hoxe, ata mañá!

A profe Lydia





miércoles, 25 de marzo de 2020

MÁIS RECURSOS PARA TODOS E TODAS

Bo día!

Espero que estedes levando o confinamento da mellor forma posible. Afrontalo con tranquilidade e tratando de ser positivos é de moita axuda. Non pensemos no que non podemos facer senón no que sí podemos facer todavía. Valoremos o que temos, que é máis do que pensabamos fai nada.

Na distancia e cerca ao mesmo tempo. Graciñas ás novas tecnoloxías podo seguir as propostas das compañeiras que seguen un formato interactivo. Onte, por exemplo disfrutei cos recursos tan chulos que subiu a profe Aida para traballar os números, a proposta para facer mandalas da profe Rosa, o vídeo cantando a canción "La reina Batata" da profe Isabel e Ailen, as novas ligazóns con recursos da profe Amparo...Non é o mesmo que estar no cole, pero da gusto ver as propostas dos demais.

Hoxe teño que agradecer a un dos grupos de whatsapp de orientador@s de Galicia ao que pertenzo que compartiran os dous recursos que vos explico a continuación.

O primeiro recurso é a web que o goberno lanzou para apoiar o programa de Aprende en casa a través da televisión. Se premedes na imaxe accederes á paxina, directamente no apartado para as familias. Unha vez aí seguide as instruccións que se vos dan.


O outro recurso é unha presentación do "Ayuntamiento de Tres Cantos" con enlaces para ver online peliculas, museos, exercicios, libros, etc para toda a familia. Ninguén pode dicir que non hai recursos para loitar contra o aburrimento!

Isto é todo por hoxe. Lémbrovos que se tedes dúbidas, algunha petición de recursos determinados ou o que sexa podedes facer comentarios na publicación ou enviar un correo a oscativosdareboraina@gmail.com.

Que teñades un bo día!

A profe Lydia

martes, 24 de marzo de 2020

ACTIVIDADE SOLIDARIA E VIDEOTITORIAL

Bo día!

Hoxe asómome por aquí con dous obxectivos. O primeiro é difundir unha actividade proposta pola profe Loli que, como non ten contido relixioso a fai extensible a todo o alumnado do centro. Como ela explica estupendamente a súa proposta, se premedes no enlace accederedes ás súas instruccións. Pista: é unha actividade de solidariedade e empatía, algo moi necesario no momento que estamos a vivir.
O segundo obxectivo é que quede claro onde están os recursos da web do cole, pois houbo problemas para atopalos. No lugar de explicalo por escrito decidinme a facer o meu primeiro titorial. Espero mellorar no asunto se teño que facer máis. Dádelle ao play!


lunes, 23 de marzo de 2020

CONSELLOS PARA O CONFINAMENTO E DOUS RECURSOS PARA INFANTIL

Bo día!
Empezamos o segundo día sen clases, e parece que non vai ser o último. Lémbrovos que a partir de hoxe hai contido por idades en clantv para primaria e na 2 para secundaria. Onte deixeivos os horarios por idades e as materias de cada día.

Os que me coñecen saben que son fan da web gciencia.com e que moitas veces teño empregado os seus artigos nas ciencias e para facer comprensións lectoras. O venres pasado publicaron un artigo con consellos para levar o confinamento da mellor forma posible. Ía redactar eu un listado de consellos pero, a verdade, é que este listado paréceme moi completo. Se premedes na imaxe accederedes ao artigo.


Ata o de agora subín recursos xerais e para primaria e secundaria, pero nada específico para infantil. Nos blogs de infantil do cole (sorrisosdexirasol e pequesreboreda) estase a publicar durante a cuarentena. Ademais, como orientadora, recoméndovos duas canles de youtube que teño empregado co alumnado da EEI de Ventosela con éxito. Por se acaso non as coñecedes déixovos os enlaces:
Lembrade que todo o que vou subindo tamén o vou incluindo na web de recursos, columna da esquerda, para que vos sexa máis fácil localizar os recursos en días posteriores. Tampouco vos esquezades que podedes facer peticións, suxestións de contido a subir, preguntar dúbidas etc tanto nos comentarios de cada publicación que subo como a través do correo deste blog: oscativosdareboraina@gmail.com

Isto é todo por hoxe, salvo que algún imprevisto, novidade ou o que sexa me faga facer unha doble publicación hoxe. Do contrario, estarei buscando material para subir os próximos días e en contacto para quen o precise.

Unha aperta

A profe Lydia


domingo, 22 de marzo de 2020

APRENDEMOS NA CASA E NOS RELAXAMOS COA PROFE ISABEL

Bo día familias!
Non tiña pensado publicar hoxe, pero como dicimos os galegos mellor que sobre a que falte, non?
Aínda que xa subín información ao Instagram do cole sei que non todos tedes esta aplicación. Conto co boca a boca e coa difusión desta iniciativa na televisión tamén. Pero, por si acaso, aquí estou.

Mañá luns 23 disporemos dun novo recurso na televisión que complementa as indicacións que vos estamos facendo dende os distintos medios dos que dispoñemos no cole. O novo recurso chámase:

A través de dúas canles de televisión, la2 e clantv, e coa colaboración de distintas editoriais, haberá recursos diarios para o alumnado para todas as materias e en función da idade. Aquí debaixo tedes o horario:

Se premedes na imaxe faise máis grande para poder vela mellor.

Aínda que xa me enterara da noticia onte, hoxe unha profe que traballou varios cursos no cole e foi a miña compañeira un deles, mandou polo grupo de whatsapp máis información co horario das canles que estou a compartir. Graciñas Rosa Juncal!

Xa para rematar, déixovos cun enlace á publicación que a profe Isabel fixo este venres, dende o blog de música, con paisaxes sonoras e exercicios para que podamos relaxarnos todos. Graciñas Isa.

Despídome por hoxe, que teñades boa tarde, iso sí, na casa. Unha aperta

A profe Lydia




viernes, 20 de marzo de 2020

MODIFICACIÓN DA NORMATIVA DA CUARENTENA QUE AFECTA AO ALUMNADO TEA E OUTROS

Bo día, segunda publicación do día pero isto non podía esperar. Esta modificación na normativa da cuarentena entra en vigor hoxe mesmo, pois xa saiu publicada no BOE fai unhas horas.

Como ben sabedes, temos os movementos restrinxidos ao indispensable pero o goberno acaba de facer unha modificación. As persoas con discapacidade, que teñan alteracións condutuais, como por exemplo persoas con diagnóstico de TEA e conductas disruptivas, que poden ver agravado o seu estado polo confinamento poden saír á rúa cun acompañante sempre que se manteñan as medidas necesarias para evitar o contaxio.

Na nosa comunidade educativa hai persoas con este perfil polo que  vin necesario compartir  esta información que me chegou a través do grupo de whatsapp dos orientadores Choqueiros. Graciñas Manuel por compartir.


Se premedes na imaxe teredes acceso ao BOE en pdf onde se recolle esta nova aclaración. Se coñecedes familias nesta situación compartide, por favor.


RECURSOS GRATIS DA EDITORIAL LA CALESA

Bo día a todos e todas. Como xa comentei o mércores neste blog vai haber espazo para todo tipo de recursos, pois o Departamento de Orientación ten que dar resposta a toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, familias...Así que recomendo que vos pasedes por aquí todos os días, para que comprobedes o que hai, aínda que tratarei de ser o máis equitativa posible cubrindo todos os frentes.

Se na primeira entrada tocou subir un recurso de yoga, que nos ven estupendamente a todas as persoas neste momento, hoxe toca ir á parte máis académica. A profe Ángeles faloume  onte deste recurso e decidín difundilo a través do blog. Trátase dunha iniciativa da Editorial La Calesa, totalmente gratuita. Poñen á nosa disposición un total de 10 caderniños, un por curso ( de 1º EP ata 4ºESO) nos que se recollen exercicios de ortografía, comprensión lectora, expresión escrita, matemáticas e cálculo ABN. 

Que hai que facer? Preme na imaxe do anuncio da editorial para acceder á súa web. Alí baixando a pantalla de inicio veredes os enlaces aos distintos caderniños. Preme no curso que che interese para acceder ao pdf e listo. Dependerá de vós , se tedes impresora ou non,o tema de imprimir ou facer os exercicios en papel mirando para a pantalla. Este enlace aparecerá tamén na páxina de recursos do blog, arriba de todo na columna da esquerda, no apartado de recursos xerais.



miércoles, 18 de marzo de 2020

MESMO BLOG DISTINTA FINALIDADE

Boas tardes

Son Lydia, a orientadora do CEIP de Reboreda. Moitos de vós coñecedes este blog porque era o que usaba cos meus grupos de 3º e 4º cando era titora. A partir de hoxe este blog pasa a ser o blog do Departamento de Orientación do centro. A idea era levantar un blog de cero o vindeiro curso, pero certo virus que anda por aí solto pillounos a todos a pé cambiado e como o que quero é axilizar as cousas neste momento, decidín reutilizar este blog. Así que alguén que entre por primeira vez que non se sorprenda do contido anterior que se poda atopar nel.

Todos os días a partires de hoxe teredes unha publicación no blog recomendándovos un recurso e explicando a súa utilidade. Iremos subindo recursos de todo tipo e para todas as idades. Se tedes algunha dúbida, comentario ou petición que facer podedes facelo a través dos comentarios habilitados debaixo de cada publicación e a través do correo do blog: oscativosdareboraina@gmail.com.

Na columna da esquerda tedes un acceso directo á páxina de recursos, na que irei engadindo o recurso que recomende cada día. A idea é que non vos atopedes con moita información de golpe e que podades atopar os recursos cando queirades sen necesidade de andar para diante e para atrás no blog.

Hoxe vouvos recomendar un recurso que xa coñecen os meus exalumnos/as de 5º. Trátase dos vídeos de youtube de Cosmic Kids Yoga. Porque metidos na casa necesitamos baixar revolucións dalgún xeito, que mellor que facer algo de yoga na casa! Aínda que os vídeos están en inglés dou fe de que se poden seguir sen problemas pois nós así o fixemos na clase en moitas ocasións. E, se aínda por riba espabilamos o oído para o idioma podemos deixar abraiados á profe Ángeles e ao profe Alex cando se retomen as clases, non si?

Se premedes na imaxe accederes ao recurso. Tamén podedes acceder prememdo no icono da páxina de recursos, na columna da esquerda.Unha vez na páxina seguide as instruccións e atoparédelo en recursos xerais.

Ata mañá!