Este fin de curso non me deu tempo a preparar unha nota con recomendacións para o verán que incluir no sobre co boletín. Aínda que din recomendacións xerais nas titorías ás familias e aos cativos de forma oral, prometín facer tamén un resumo das mesmas dende o blog. Velaí van!:
- Os días do verán son largos e hai tempo para todo. Unha horiña ao día para repasar un pouco e ler non fai mal a ninguén e fai que a volta á escola en setembro se leve mellor.
- Quedaron pendentes de rematar e algunhas páxinas sen correxir dos cadernos de comprensión lectora e de problemas. Así que traballar neles é unha boa forma de repasar.
- Rematamos todo o temario agás os últimos tres temas das linguas. Botádelle unha ollada!
- Para repasar os contidos das distintas materias podedes usar as páxinas de repaso ao final de cada tema e de cada libro.
- Para os que seguen tendo moitos problemas de ortografía repasade especialmente esta parte dos temas. Pódenvos facer os ditados na casa, tanto os propostos polos libros como usando calquera das lecturas dos mesmos.
- A páxina de recursos do blog segue aí para o seu uso. Se atopo algún novo recurso o publicarei no blog e o engadirei á nosa páxina.
No hay comentarios:
Publicar un comentario