Un día máis de clase e avanzando pouquiño a pouco no recordo de contidos de matemáticas e lingua galega traballados o curso pasado. Está costando poñerse as pilas pero acabaremos traballando a bo ritmo.
Unha das actividades que imos facer ao longo do curso é a de estar pendentes das prediccións meteorolóxicas. Todos os días miramos no blog as temperaturas máxima e mínima, o estado do ceo e a velocidade do vento, e facemos comparacións cos días anteriores ou cos que están por vir. De momento anótanse os datos nunha táboa colgada na corcheira, pero en breve cada neno/a levará conta dos datos na libreta de Coñecemento do Medio. Ao final de cada mes faremos unha gráfica cos datos. Ao principio costará un mundo pero cando remate o curso seremos uns expertos en trasladar datos a gráficas e interpretalos.
Ademáis hoxe engadimos unha novidade a esta tarefa diaria: mirar a temperatura a primeira hora da mañá e á última hora que teñan comigo e comparar a diferencia. Aproveitamos para traballar a lectura da temperatura en formato analóxico e a comparación entre graos Centigrados e graos Farenheit. Para iso levei á clase dous termómetros con distintos formatos para que aprendan a ler a temperatura en calquer soporte.
En resume, algo tan sinxelo como analizar as condicións climáticas diarias vainos facer posibles unha chea de aprendizaxes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario