Que cousas, andaba recollendo as miñas pertenzas para marchar a casa e vexo o diario da aula. Con tantas cousas na cabeza co magosto xa por chegar esquecín entregarllo a Daniel. Quedará para o luns, porque de contar a actividade de mañá vaise ocupar Brais.
Así que este é o diario da profe:
"Hoxe a primeira hora fixemos o control de mate. Da gusto ver como os rapaces e rapazas empezan a enteder que é un traballo individual e que a profe pode responder a dúbidas, pero non dar as respostas ao exame. Aqueles que ían rematando collían un libro sobre o corpo humano mentres os seus compañeiros remataban.
Unha vez rematado o exame chegou o momento de poñer a data e mirar o tempo no blog. Hoxe foi o turno de Daniel, que o fixo estupendamente. Antes de continuar coas mates (os xoves temos dúas horas seguidas), recollín as investigacións que xa trouxeron algúns dos cativos. Tiñamos ata o luns, pero había quen tiña presa por facer o traballo. Así me gusta!
Unha vez recollidos os traballos chegou o momento de empezar o tema 3 de mate, sobre a nosa moeda: o euro. Recordamos as distintas moedas que hai e o seu valor e organizamos os petos individuais do curso pasado de forma comunitaria, pois temos máis moedas e cartos este curso. Despois de agrupar as distintas moedas e billetes chegou o momento de representar o valor dos euros de forma gráfica, pegando esas moedas de cartón na libreta. Teremos que rematar a tarefa outro día.
A terceira hora mentres os rapaces traballaban coa profe Martina eu estiven debuxando e recortando unha castaña xigante que Brais e Marta estiveron pintando a cuarta hora. Durante o recreo estiven falando coa profe Alejandra para coordinar a actividade de mañá. Ao rematar o recreo tivemos a lectura silenciosa, que foi pouco "silenciosa" porque Brais andaba algo inquedo...co que traballara a primeira hora mentres os demais facían o exame!
Tiñamos por diante duas horas de galego nas que facer de todo un pouco. Empezamos dando as notas de C. M. e comprobando entre todos as respostas do exame. Logo chegou o momento de escribir nunhas tiras e con letra grande a canción do magosto. Mañá en plástica pegaremos esas tiras coa letra da canción na castaña xigante e debaixo de cada verso Brais pegará os signos correspondentes.
Despois lin para todos un pequeno libro que me recomendou a profe Amparo, como responsable da biblioteca do cole: "A castaña que chegou a árbore". Que coincidencia, pois cando falabamos da castaña e do seu proceso ata converterse en árbore atopamos semellanzas coas etapas da vida que acabamos de estudiar. Durante o comezo do relato tivemos de reporteira gráfica a Lucía, que ben o fixo!
Antes de que voltase Brais á clase anotamos na axenda as tarefas para a casa. Chegarán eses folletos de publicidade mañá? Non pasa nada, se non chegan mañá, pois probablemente co magosto non podamos empezar o mural. Pero se chove e se suspende é unha magoa non adiantar traballo, verdade? A ver que pasa.
Coa volta de Brais chegou o momento de ensaiar de novo a nosa canción e de recordar outras cancións en galego. Se ben os cativos da Reboraina falan pouco galego, o de cantar en galego dáselles moi ben. Despois chegou o momento de expresarnos plásticamente baixo o título "A castaña máis bonita de Reboreda". Pronto poderedes ver o resultado no blog. Algúns remataron a tarefa e outros terán que facelo mañá, pois houbo que recoller porque era a hora de marchar.
Se mañá non chove celebraremos o magosto despois do recreo. Crucemos os dedos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario