viernes, 28 de octubre de 2011

Os zombies da Reboraina atacan á profe Lydia

Sen comentarios...Mirade o video.

Conxuro quitamedos

Correuse a voz da conxuro quitamedos que fixeron os cativos da Reboraina na biblio a primeira hora, así que cambiando un par de palabriñas converteuse nun conxuro quitamedos para todo o cole. A "Bruxa Ly, a que nunca ri" deixoulle as súas vestimentas ao director Javier para que el puidese levar a cabo o co axuda de todos os nenos e nenas do cole, un conxuro para todos. Posteriormente a bruxa Amparo facilitou un caldeiro de barro para proceder á queima dos nosos medos. Podedes recordar o proceso mirando este video.

Diario de...Sara

Este foi o resumo que fixo Sara da actividade do venres:
"Hoy llegamos a clase y nos fuimos para la biblioteca. La profe Lydia se disfrazó de bruja. Su nombre era "a bruxa Ly, a que nunca ri". Vimos las fotos del libro del fantasma y del libro de nuestros miedos que hicimos durante la semana. Después subimos a coger el neceser para ir al pabellón. Allí jugamos a pita cadena, a olimpiadas individuales y a olimpiadas de relevos. Luego el profe Guillermo nos mandó para clase. La profe Lydia cambió la hora de plástica para última y aprovechamos para repasar las restas llevando y para terminar las etapas de la vida en la libreta. sonó el timbre y fuimos a jugar al recreo, donde hicimos un pequeño jardín.
Después hubo lectura silenciosa y más tarde fuimos a quemar nuestros miedos, aunque sobró un poco de tiempo para hacer algo de inglés. Luego nos tocó plástica. En esta hora hicimos la marcha de los muertos, vimos un video de "La casa encantada" y vimos un libro. Me gustó el día."

A verdade é que o diario de Sara foi moi completo. Aínda que hai que engadir algúns pequenos detalles...Mereces este premio, noraboa!

 A profe disfrazouse de bruxa para facer o conxuro quitamedos despois de lograr  poderes máxicos grazas á cabaza de Marta e á concentración de todos os cativos da Reboraina. Debía haber espías na biblio porque o noso conxuro gustou tanto que lle cambiaron algunhas palabras e se convertiu no conxuro quitamedos do cole, que o director recitou despois da lectura silenciosa antes de proceder á queima de medos. A última hora Sara di que miramos un libro...e o certo é que foi así, pois proxectamos as imaxes do libro A nosa amiga a oscuridade. O que esqueceu dicir Sara é que decidiu compartir a súa cabaza chea de doces con nós...e que ricos estaban! Graciñas pola túa xenerosidade.
Colguei algunhas fotos do día no noso album picasa, pero tedes aquí tamén o enlace directo. Só tedes que premer na imaxe.

jueves, 27 de octubre de 2011

Avance: As nosas primeiras produccións e unha sesión de medo...na biblio

A profe Lydia leva uns días de atraso na publicación dos diarios. Non é que se esquecera do blog, senón que está rematando o resultado final dos proxectos nos que estivemos a traballar esta semana: "Os nosos medos" e "Hay un fantasma debajo del colchón". Son as nosas primeiras produccións e para levalas a cabo contamos coa colaboración da profe Alejandra. Graciñas por todo compañeira!
Ademáis, mañá temos, por fin, a posibilidade de facer uso da nosa sesión semanal na biblio. E inauguramos co tema do Samaín. Teño preparadas unha chea de sorpresas, que leva o seu tempo preparar, que espero sexan do agrado dos cativos, pois esa é a intención.
Aproveitarei estes días sin clase para poñer ao día o blog e para colgar eses traballos e reportaxes fotográficos do que acontecerá mañá.

Diario de...Marcos

Irea deixou onte o listón moi alto...Estas foron as palabras que escribiu Marcos:
"Hoxe a primeira hora estivemos falando do Samaín e despois repasamos as restas con levadas. Logo viu a profe Martina e fixemos Coñecemento do Medio en inglés. Despois fixemos unha ficha de mate e outra de lengua. Antes de facer as fichas saimos ao patio cuberto e xogamos á momia.
Despois miramos no noso correo a carta do profe Kico e tamen lemos o diario de Julen. Logo entramos no blog do cole Rosalía de Castro e vimos un video dunha receita asquerosa de Samaín. Despois vimos un video de cousas que hai no Samaín: fantasmas, bruxas, etc
Logo puxemos as cazadoras e xogamos ás estatuas. Tocou o timbre e marchamos pitando. Este foi o meu día no cole, moi entretido."

O diario de Marcos foi máis resumidiño co de Irea pero tocou bastantes puntos, aínda que ten que ordear un pouquiño máis as ideas cando escribe e dar máis detalles. A ver se a próxima vez levas o trofeo polo traballo realizado, pouco che faltou nesta ocasión. Por que nos enviou o profe kico un correo? En resposta ao noso dándolle as grazas e porque mirou as nosas fotos no blog mirando os traballos que se fixeron o curso pasado no seu centro. Se el anda a mirar o noso blog, nós andamos a  mirar o da biblio do seu cole "O blog de Donte". Dende el accedemos a outro blog que recomendaban "Nutritiva y repugnante" relacionado con receitas de cociña un tanto particulares. Esperamos telo dentro de moi pouquiño na nosa biblio, para sacarlle partido nas nosas cociñas, non si?

miércoles, 26 de octubre de 2011

Diario de ...Irea

Sinto o retraso en subir as palabras de Irea. Pero máis vale tarde...:
"Hoxe a primeira hora tivemos Coñecemento do Medio. Na libreta estudiamos as etapas da vida.
A segunda hora, en inglés, buscamos nun poster do Samaín os nomes en inglés das momias, fantasmas, cabazas, etc
A terceira hora traballamos unha lectura de lengua mentres a profe nos ía chamando para facer "unha cousa". Logo tocou o timbre para sair ao patio e xogamos á pita altura máis á momia. Á momia xógase tapándolle os ollos a unha persoa que, cos brazos estirados para non chocar, ten que pillar aos demais.
Despois do recreo fixemos outra ficha de lengua e anotamos os deberes na axenda para mañá.
A última hora fixemos ximnasia. Xogamos ao comecocos. É un xogo no que un ten que pillar aos demais pero ten que ir a catro patas e para pillar só pode levantar unha pata. Tamén xogamos á bruxa do ollo virollo. Xógase poñéndose todos en círculo cos ollos pechados e ao que lle den na cabeza queda de bruxa e ten que guiñarlle o ollo aos demais para que vaian caendo ao chan.
Por último xogamos á banda. Un sae fóra e os demais escollen un director. Cando entra o que saiu todos teñen que facer o que fai o director e a persoa que saiu fóra ten que adiviñar quen dirixe".

Noraboa Irea, este é un diario de primeira! Non quedou nada por comentar, se cadra aclarar que esa "cousa" que vos mandaba facer a profe de un en un era rematar algúns detalles dos traballos que fixemos polo Samaín. Encántame comprobar que lendo o diario podo ver que recordas todo o que se fixo durante a mañá tanto comigo como con outros profes. Eses xogos que tan ben explicas teñen moi boa pinta. Segue así, este premio é para ti!

martes, 25 de octubre de 2011

Diario de...Diego

O 25 de outubro dende o punto de vista de Diego:
"Hoxe a primeira hora fixemos un control de lingua. Era unha folla polas dúas caras. Logo recortamos o pergamino do fantasma e algúns remataron de pintar o debuxo. Despois fixemos unhas fichas de lingua que tamén eran por diante e por detrás. Logo pegamos o traballo do fantasma nunha folla con forma de fantasma e fomos ao recreo.
Eu fun á biblioteca, fixen papiroflexia e logo fun un pouquiño ao patio e xoguei á pita. Logo tivemos Coñecemento do medio en inglés e fixemos unha ficha dos sentidos e vimos un video duns esqueletos.
Despois a profe de inglés trouxo un poster do Samaín e xogamos a adiviñar a personaxe coas pistas que ela dicía. Logo marchamos para as nosas casas".

Felicitacións Diego, un diario completísimo. Comentaches un pouco de todo, tamén das materias que non imparte a titora, que sempre se está a preguntar que sucede cando non está cos seus cativos. Só matizar para aqueles que se pregunten polo pergamino e os fantasmas dos que fala Diego. Co motivo do Samaín esta semana imos levar a cabo dous proxectos, un en lingua castelá e outro en lingua galega. O de lingua castelá titúlase "Hay un fantasma debajo del colchón", pois ese é o título do poema do que partimos para facer o traballo. Traballamos a rima na clase e inventamos dez estrofas máis para ter unha para cada neno/a. Cada un escribiu a súa nun pergamino azul e fixo o debuxo correspondente. Logo ese material o pegamos, tal e como dixo Diego, nas follas do libro que imos facer, que teñen forma de fantasma.

E, non olvidemos o agasallo para o redactor, segue así!

lunes, 24 de octubre de 2011

Diario de...Marta

É a quenda de Marta. Estas son as súas palabras:
"Hoy a primera hora estuvimos repasando las sílabas en clase de lengua. A segunda hora tuvimos música y la profe Isabel nos enseñó una canción. Después fuimos para clase de matemáticas y repasamos las sumas llevando. Por fin llegó el recreo y pude disfrutar jugando con mis compañeros. Al volver a clase hicimos grupos en "Coñecemento" para escribir las etapas de la vida. Y por último tuvimos religión. En esta clase estuvimos leyendo una historieta".

Nesta segunda rolda do diario nótase moita melloría tanto na memoria como na forma de expresarse dos rapaces. Penso que a Marta non lle quedou nadiña por dicir. Respecto ao traballo en Coñecemento do medio, teño que engadir que as tarefas por equipos están resultando máis difíciles do esperado, o que está retrasando o avance na materia. Pero a única maneira de aprender é facendo, non si? Pouco a pouco iremos mellorando.
Felicitacións!

viernes, 21 de octubre de 2011

Diario de...Daniel

Hoxe se estrea Daniel no diario da aula, narrando a actividade do último día da semana:
"Hoxe fixemos un control de lengua e despois fixemos un debuxo para un compañeiro enfermo. En educación física xogamos á pita, a polis e cacos e logo ao brilé. Despois tivemos o recreo e a lectura silenciosa. Logo tivemos o mercadillo solidario e ao final recordamos na clase os signos".

Efectivamente, tal e como comenta Dani, despois do control de lengua preparamos un agasallo para Jose Rodriguez: un debuxo adicado de cada neno e nena da clase. Esto sucedeu despois de que os cativos regresaran da clase co profe Guillermo. Agora entendo por que estaban tan cansos e revolucionados.
Por fin chegou o gran día: a celebración do mercadillo solidario. Ao final ás aulas que forman parte de Agrupaciones escolares uníronse as titorías de 5º A e 6º A e B. Graciñas pola vosa colaboración.
Na nosa clase fixemos un sorteo para ver as quendas para mercar e sairon como responsables do posto Marta e Brais. Ela recollía os vales e el entregaba os marcapáxinas de agasallo. Que ben o fixeron!
Como a nos sobrábannos libros para vender fixemos publicidade entre os profes. Así que viñeron a mercar as profes Olga, Mariví, Alejandra, Isabel e Javier, o director. Graciñas a todos pola vosa solidaridade.
Se premedes na imaxe accederes directamente ao album adicado ao mercadillo.
Despois do mercadillo seguimos co proxecto de "Somos iguais, somos diferentes". Coloreamos unhas caras, aparentemente iguais, pero que a cada quen lle quedaron dun xeito distinto. Tamén seguimos co mural "Crecemos", onde comparamos os cambios dende bebés ata o presente. Nos últimos minutiños repasamos as presentacións cos signos. A ver se as imos tendo claras para poder grabalas e que o resto dos nenos dos centros de Agrupaciones escolares as poidan ver.

jueves, 20 de octubre de 2011

Diario de...Julen

Estas son as reflexións de Julen sobre a xornada:
"Hoxe a primeira e a segunda tivemos un exame e logo estivemos co libro de mate. Logo só sairon ao recreo os que remataran todo. A terceira tivemos coñecemento do medio en inglés.
A cuarta hora fixemos unha carta para Jose Rodriguez pois leva enfermo toda a semana. A última hora fixemos a primeira visita á biblio".

Que rápido rematou Julen de comentar o día de hoxe...vou engadir algunhas cousiñas. Hoxe fixemos o primeiro control de mate, concretamente do tema 1. Era máis longo que os mini controis que fixeramos ata o momento polo que algúns necesitaron uns minutiños da segunda hora para rematalo. Segundo ían acabando o exame os rapaces marchaban para as mesas de atrás a traballar co libro de mate. Tal e como dixo Julen, os que non remataron as tarefas quedaron un ratiño no recreo a facelas.
Jose Rodriguez leva toda a semana enfermo e posiblemente non se incorpore ata o vindeiro martes. Como tiñamos lingua galega despois do recreo aproveitamos para escribirlle unha carta de ánimo en galego.
A última hora veu a profe Amparo a buscarnos para facer a primeira visita á biblio, que o luns abre as súas portas. Durante a visita recordamos as normas da biblio, as súas seccións, as normas do uso dos ordenadores e mesmo tivemos uns minutiños para buscar por equipos os libros que nos dixo a profe Amparo. Estiven facendo fotos durante toda a visita e as colguei no noso album Picasa. Podedes acceder a el premendo na imaxe.

miércoles, 19 de octubre de 2011

Diario de...Alba

Estas foron as reflexións de Alba sobre a xornada escolar:
"Hoxe a primeira hora estivemos falando coa profe sobre por que non veu onte. A terceira hora estivemos facendo uns exercicios de lengua moi fáciles e despois miramos os traballos dos nenos do CEIP Rosalía de Castro que lle pediramos prestados ao profe Kico.
Despois tocou a serea para ir ao patio e collín a miña boneca. Cando rematou o recreo fomos a ximnasia e estivemos xogando á pita e , tamén por equipos, á fada e o bruxo. Pasámolo moi ben.

"

A ver, a ver...tanto rebumbio polo día que a profe Lydia non puido acudir ao cole por estar enferma fixo esquecer outras cousas que pasaron no cole. Enfadeime un pouquiño cos meus "cativos" porque sabía pola profe Luisa que ela dixera que os que non remataran as tarefas de galego que eu deixara marcadas deberían rematalas na casa. E resulta que ninguén as rematara pero tampouco as levaran para casa, polo que mandei ademais das tarefas que tiña pensado mandar para a casa, as que non levaran o dia anterior. espero que esto non volva a suceder. hai que facer caso do que nos digan os profes.
Voltando ao diario, ademáis do comentado por Alba, rematamos as gráficas do tempo de setembro e redactamos un correo de agradecemento para o profe kico. Respecto ao dos exercicios de lengua, se cadra non eran tan doados e a Alba dáselle moi ben a materia.

martes, 18 de octubre de 2011

Diario de...Marey

O día según Marey:
"Hoxe a nosa profe estivo enferma. Primeiro estivemos coa profe Loli e a segunda hora veu a profe Rosa, de 4º. Fíxonos facer algúns exercicios do libro de lingua. En informática tocoume con Jose dos Santos e me encantou estar con el. No recreo estivemos xogando coa boneca de Alba. Despois tivemos Coñecemento do medio en inglés. Paseino xenial".

Tal e como comenta Marey, non puiden asistir á clase por atoparme indisposta pero púxenme en contacto co centro para dicir as tarefas que tiñan que facer hoxe como, por exemplo, eses exercicios que lles mandou facer a profe Rosa. Sei que a profe Luisa e a profe Alejandra foron con eles a informática e lles mandaron xogar cos xogos de lingua e mate que hai na columna da esquerda do noso blog, tal e como eu solicitara. Pola miña banda non hai máis que engadir, pois a fin de contas non estaba ahí. Algún día conseguirei saber que se coce nas clases que non dou eu?

lunes, 17 de octubre de 2011

Diario de...Jose

Rematamos a primeira ronda do diario da aula e volvemos co primeiro da lista. Estas son as palabras de Jose:
" Hoy fui con la profe Olga e hice una ficha de lengua. Despues tuvimos musica y bailamos y tocamos el xilófono. En matemticas trabajamos con unidades, decenas y centenas.
Después toco el timbre, tomé la merienda y me fui al patio. Al volver del recreo, Sara, Irea y yo fuimos al ordenador. Despues tuvimos alternativa, toco la sirena y nos fuimos"

A ver, a ver...Jose esqueceu algunhas cousiñas. Na clase de mate repasamos o que el dixo, mais traballamos coas unidades e decenas de millar e os números ordinais. Despois fala de que cando voltou do recreo foi ao ordenador...para que? Hoxe empezamos a traballar por equipos en Coñecemento do Medio. Seguimos coas Etapas da Vida e mentres dous equipos traballaban sobre a infancia o outro, o de Jose, recollía informacion sobre a xestación a través dun video colgado no noso blog. A pesar de que xa fixeramos esta actividade oralmente o de recordar o traballado e poñerse dacordo para poñelo por escrito costou moito. Hai que pensar que era o primeiro dia, xa iremos mellorando.

viernes, 14 de octubre de 2011

Diario de...Lucía

Rematamos a primeira rolda do diario con Lucía. Esta é a súa visión do día:
"Hoxe tivemos un exame do abecedario á primeira hora. Despois veu o profe Guillermo e fomos a ximnasia. Logo subimos para a clase e terminamos o mural de GOTAS PARA NÍGER mentres os nenos que non remataran o de mate do xoves intentaban rematalo. Maís tarde baixamos ao patio. Ao rematar o recreo fomos a clase e tivemos a lectura silenciosa. Despois tivemos inglés coa profe Mariví. A última hora repasamos as presentacións con signos".

O diario de Lucía quedou moi ben redactado aínda que esqueceu comentar algunhas cousiñas. A primeira hora tamén fixemos a ficha de cálculo, despois do control que incluía dictado e abecedario. E preparando as tarefas para a casa e escribindo na axenda rematou a primeira hora. Na hora de plástica ademáis do mural para o mercadillo, estivemos preparando as fotos para o mural "Crecemos" coas fotos do alumnado cando era bebé e tamén estivemos coloreando un debuxo dunha cara igual para todos pero que gracias á nosa creatividade non vai a haber ningunha igual porque "Somos iguais, pero diferentes".
¿Por que estamos preparando as presentacións con signos? Por que é unha actividade de integración da que todos podemos aprender e porque imos aproveitala para presentarnos aos outros nenos e nenas de Agrupacións escolares. Temos que practicar moito para ver se semana que ven podemos grabar e montar o video para que os centros de León, Cataluña, Aragón e Canarias coñezan aos cativos da Reboraina e do que son capaces.

Diario de...Jose R. (13-10-11)

En palabras de Jose, asi foi o día de hoxe:
"A primeira hora fixemos un exame das táboas do 0, 1 , 2 e 3. A segunda hora fixemos unha ficha de cálculo mental e despois repasamos e fixemos exercicios do libro de matemáticas.
Logo veu a profe do curso pasado, que se chama Martina, para darnos Coñecemento do Medio en inglés. Cando ía saír ao patio tocou á serea e tiven que voltar á clase.
Despois tivemos a lectura silenciosa e éscollín un libro do corpo humano da miña compañeira Lucía. E despois fixemos unha ficha de lingua na que tiñamos que buscar palabras."

Moi bo resumo o de Jose. Andamos a voltas cos números cardinais e estamos traballando con eles a través de xogos e con exercicios máis serios para ver se nos van quedando. Tamén en lingua tratamos de que os exercicios sexan amenos e didácticos ao mesmo tempo, hai que buscar un equilibrio.

martes, 11 de octubre de 2011

Conmemoración do descobremento de América

Hoxe os cativos da Reboraina sabían que mañá non hai colexio. Algúns dicían porque era o día do Pilar e outros simplemente porque era festivo pero non sabían o porqué. Tirando un pouquiño deles lembraron que tamén se celebraba o descobremento de América e ata chegaron a dicir o ano: 1492. Aproveitamos que tiñamos o carriño co canón para ver este video sobre o tema.

Diario de...Pablo

As palabras de Pablo resumindo a actividade do dia foron as seguintes:
"Hoxe pola maña fixemos a ficha de calculo e despois o libro de coñe. Fomos ao recreo e miramos como xogaban os nenos pequenos. Despois collemos unhas pancartas e ensinamosllas as persoas que pasaban co coche e despois sentamonos cinco minutos. Logo fomos para a clase e fixemos Coñecemento do medio en ingles coa profe Martina e logo ingles coa profe Marivi. Con ela fixemos alguns xogos. Logo tocou a sirena e fomos para a casa"

Nas normas do diario explicase que hai que facelo primeiro nun papel aparte para repasar, borrar e tachar as veces que sexa necesario antes de pasalo ao diario oficial. Non hai nada de malo en que as cousas non saian a primeira vez. Penso que Pablo non repasou o que escribiu, polo que non puido detectar alguns pequenos erros. Os martes teñen  lingua galega e mate, nunca teñen Coñecemento comigo o dia que o teñen en ingles coa profe Martina.
Na clase de galego repasamos o abecedario e cando se usan os puntos e as maiusculas. A profe trabucouse e mandou facer na clase o que tiña pensado mandar para a casa e na casa o que tiña pensado facer no cole. Como xa o escribiran na axenda decidin que non borraran e que se fixese asi.
Na clase de mate empezamos a traballar cos numeros ordinais. Separamos as cadeiras das mesas e cada un se levantaba na sua quenda para dicir o ordinal que lle correspondia. Brais tamen participou levantandose e sentandose cando lle chegaba o turno.
Seica fixeron xogos de ingles coa profe Marivi e estou intrigada. Teño que preguntarlles para saber en que consisten e practicar eu tamen.

Pablo falaba de pancartas no recreo...Hoxe houbo unha protesta mais en defensa do ensino publico, que debia ter lugar durante o recreo. Alguns mestres baixamos con pancartas e, mentres esperabamos ao resto do claustro para facer unha foto conxunta coa protesta, os cativos da Reboraina pediron prestados os carteis para protestar pola sua conta, e asi o fixeron. Logo todo o alumnado sentou no patio superior e se fixeron unhas fotos coas pancartas para enviar aos medios, ao igual que nos outros centros.
Pola miña banda non pasei mais horas na aula, pois mentres eles tiñan clase coa profe Martina e logo coa profe Marivi, eu apoiaba na clase de 3º A e logo daba plastica en 1º B. Cando os titores non estamos na clase non estamos libres de traballo, simplemente non estamos co noso alumnado.

NOTA: A entrada volve a publicarse sen puntuacion porque blogger non me deixou colocar os tils.

Novidades no noso blog

Ola a tod@s! Teño dúas novidades que comentar respecto ao noso blog:
  1. Por fin temos enlazado o blog da nosa biblio. Problemas técnicos (dos que a culpa era miña) retrasaron este momento, pero as dificultades por fin foron superadas. Aínda que entramos en varias ocasións a través do blog O Manantial, agora podemos acceder a Biblioblogreboreda directamente dende o noso blog.
  2. A profe Amparo, dinamizadora da biblio, elaborou con moito traballo unha páxina web para recoller recursos relacionados co tema do curso: Os contos. Felicidades Amparo, quedou xenial! Temos dúas formas de acceder a esta páxina web:
  • Entrando no blog da biblio, buscando a imaxe do proxecto na banda da dereita e premendo nela para acceder á páxina.
  • Entrando directamente dende o noso blog. Na banda da esquerda, na esquina superior, tedes o acceso directo a esta páxina.
Por se tedes dúbidas, esta é a imaxe que tedes que buscar:

lunes, 10 de octubre de 2011

Diario de...Sara

A vision do dia segundo Sara:
"Hoy a primera hora la profe nos dio las notas de los examenes y luego hicimos la ficha del abecedario. Después la profe de musica nos vino a buscar e hicimos un juego de palmas y cantamos: ¡fue muy divertido! Despues hicimos la ficha de calculo mental. Luego fuimos al recreo y jugamos con los pequeños, que nos tiraron arena.
En la libreta de matematicas hicimos series de 2, 5 y 10. Con la profe de religión vimos una peli del Arca de Noe y se acabó el dia".

Non esta mal para ser a primeira vez que Sara redacta o diario da aula. Como esqueceu algunhas cousiñas, aqui esta a profe Lydia para lembralas. Na clase de "lengua", ademais das notas e da ficha do abecedario, recordamos entre todos cando se escribe punto e maiuscula e fixemos un xogo de buscar palabras con unha , duas, tres ou mais silabas. Ademais aproveitamos que regresaban os libros que levaran para ler en casa para facer "recomendacións lectoras entre iguais". Da gusto ver as gañas coas que explican por que os demais deben ler o libro que eles leron. Felicitacións!
Na clase de Coñecemento do Medio estivemos escribindo o rexistro meteorolóxico do mes de setembro na libreta. Era a primeira vez e levou moito tempo, xa lle iremos collendo o tranquillo. Ao longo desta semana faremos a representación gráfica dos datos obtidos.
Na clase de mate, como ben lembraba Sara, fixemos series de 2 en 2 ata 100, de 5 en 5 ata 200 e de 10 en 10 ata 1000. Habia que refrescar as mentes porque imos a traballar con unidades e decenas de millar e os números de duas e tres cifras ainda non estan claros para algúns nenos e nenas. Despois fixemos algúns exercicios da páxina 8 do libro.
Para rematar, mentres os de relixión veian a película da Arca de Noe, os de alternativa mais eu colgabamos no corredor o mural de Carapuchiña Vermella que fixemos entre todos. Non estivo mal para ser o primeiro dia da semana.

domingo, 9 de octubre de 2011

Que nos conta...Pablo

Seguimos con esta seccción e esta semana é a quenda de Pablo. Atención ás súas respostas:
Conto favorito
"Gústame o conto de Peter Pan porque se enfrenta aos piratas".

Persoaxe de conto que che gustaría ser
"Gustaríame ser Peter Pan, porque lanza frechas e salva á xente".

Final de conto que cambiaría
"Gustaríame que o frautista de Hamelin non se levara aos nenos do pobo".

Mercadillo solidario

O venres 21 de outubro as aulas que pertencen a Agrupaciones Escolares xunto coa colaboración doutras aulas do centro van celebrar un mercadillo solidario para recaudar fondos para a iniciativa "Gotas de agua para Níger". Iremos dando máis información sobre como se desenvolverá a actividade. Mentres tanto déixovos cun enlace ao blog do Manantial, pois a profe luisa subiu unha entrada sobre o tema que quero que vexades.

viernes, 7 de octubre de 2011

Diario de ...Marcos

O día segundo Marcos:
"Hoxe a primeira hora fixemos un exame do abecedario. Despois fixemos unha ficha de cálculo en tres minutos. Deseguido apuntamos na axenda os deberes para o día sesguinte. Logo veu o profe Guillermo e fomos ao pavellón a facer ximnasia. Xogamos ao jockey e aos cocodrilos (Alba fixo de cocodrilo). Ao rematar fomos a asearnos un pouco e subimos á aula a celebrar o cumple de Irea. Comimos biscoito, caramelos e "huesitos". Estaba todo delicioso.

Despois fomos ao recreo e xogamos á pita. Ao rematar o recreo subimos á aula e fixemos lectura silenciosa. Eu lin un libro sobre o corpo humano. Ao rematar fixemos inglés coa profe Mariví. Logo chegaron a profe Alejandra e Brais e practicamos a linguaxe de signos. Ao rematar limos un conto coa profe Lydia: "La caja mágica".
Logo recollemos as nosas cousas e puxémonos en fila por orde de lista. Escoitamos a serea, que quere dicir que terminamos as clases por hoxe e temos toda a fin de semana para disfrutar.
Isto foi o meu día na escola, que foi mi divertido".

Mi madriña, cantas cousas lembrou Marcos do día de hoxe! Aínda así, esqueceu dúas cousiñas moi importantes. A terceira hora, antes de celebrar o cumple de Irea, tivemos plástica. Fixemos un pouco de todo, pois temos varias tarefas a medias: pintamos e recortamos pingas de auga, recortamos os marcapáxinas de "Gotas para Níger", coloreamos e recortamos as letras do mural de Carapuchiña vermella e rematamos este mural e o de Donte e Margarida.
A última hora Marcos lembraba moi ben que eu lin para todos "La caja mágica", conto curtiño que trata de como un neno convirte unha caixa coa súa imaxinación en todo o que el quere. Despois de rematar o conto Marta levantou a man para dicir que xa sabía para que era a manta que tiña na mesa: para usar con ela a nosa imaxinación, ao igual que no libro se facía coa caixa. Que ben o pasamos pensando en que podía convertirse a "nosa manta máxica". Para ver as fotos que fixemos visita o noso albúm ou preme na seguinte imaxe:

jueves, 6 de octubre de 2011

Inicio do plan de lectura silenciosa sostida

Hoxe iniciamos unha nova andaina do Plan de lectura silenciosa sostida (PLSS), que terá lugar todos os xoves e venres durante veinte minutos despois do recreo.
Teño que dicir que os cativos da Reboraina non se poden queixar respecto ao número e variedade de lecturas onde escoller para estas sesións:
  • A caixa viaxeira da biblioteca, chea de interesantes propostas escollidas especialmente pola profe Amparo, dinamizadora do equipo de biblioteca.
  • A biblioteca de aula, gracias ás aportacións feitas polo propio alumnado para este fin.
  • A colección de libros dos dous proxectos que levamos á par (Carapuchiña vermella e Somos iguais/somos diferentes) formada por aportacións dos propio alumnado e da biblioteca.
A primeira sesión foi de matrícula. Só tedes que ver as fotos...

Diario de...Irea

Irea relatou a xornada lectiva do seguinte xeito:
" Hoxe a primeira hora entramos no blogue e miramos o conto do Soldadiño de chumbo. Tamén miramos nun video como se forman os bebés dentro das barrigas. Gustoume moito. Logo fixemos un exercicio de lingua e debuxamos a portada da libreta de lengua e lingua. Despois veu a profe Martina a darnos coñecemento do medio en inglés. Na hora do recreo estivemos no patio de arriba falando. Despois do recreo fixemos dúas fichas de mate. Foi un día estupendo."

Irea recordou moitas das cousas que fixemos ao longo da mañá, pero esqueceu outras...e para iso está a profe Lydia. O mércores enviamos un correo ao profe Kico (responsable da biblioteca do meu anterior colexio) para pedirlle prestados os traballos que fixeron os alumnos e alumnas do CEIP Rosalía de Castro de O Grove en relación ao tema dos contos o curso pasado. Antes de entrar no blog miramos o noso correo e...sorpresa!! o profe kico contestara o noso email dicindo que non había problema en deixarnos o que lle pediramos. Graciñas Kico.
Unha vez metidos no noso blog fixemos dúas cousiñas antes de ver o video da xestación. Entramos no blog da profe Susana e comprobamos que contestou ao comentario que lle deixamos sobre o seu horto fai uns días. Despois entramos no blog de Agrupaciones escolares e visitamos a páxina web do CRA El Burgo Ranero, de León.
A pregunta do millón: por que só nos deu tempo a facer un exercicio de lingua? Hoxe inaugurabamos a PLSS deste curso. Coñeciamos os libros que había na clase que trouxeran os alumnos e alumnas pero non nos dera tempo de mirar o contido da caixa viaxeira. Así que miramos un por un todos os libros da caixa e despois cada quen decidiu se escollía un libro da caixa ou un dos que trouxeran eles (tanto para a PLSS, como para o proxecto de Carapuchiña vermella ou o de Somos iguais, somos diferentes) e o gardou debaixo da mesa para telo preparado para cando chegara o momento.
Irea recordou moi ben que fixemos dúas fichas de mate, pero que pasou antes? Fixemos a ficha de cálculo e tivemos un concurso das táboas de multiplicar. O que acertara todas as rondas (10 puntos), levaría un positivo. A cousa ía moi ben coa táboa do 0 e a do 1. Cando chegamos á do 2 empezaron os erros e cando chegou a do 3 a cousa foi a peor. Só Irea e Lucía conseguiron o positivo, noraboa. Espero que a próxima vez que fagamos outro concurso similar todos consigan os 10 puntos para levar o positivo.

miércoles, 5 de octubre de 2011

Diario de...Diego

O dia segundo a visión de Diego:
"Hoxe a primeira hora estudiamos un pouco <Somos iguais, somos diferentes>. Buscamos o nome da "bolsa" na que está metida o bebé na barriga da nai: chámase útero.
A segunda tivemos lengua e fixemos actividades na libreta. Despois fomos ao patio e xoguei cos meus compañeiros. Paseino moi ben. Logo volvemos a ter lengua e rematamos o traballo da libreta.
Despois tivemos educación física. Fixemos unha carreira numerada, uns estiramentos, o xogo do paniño e xogamos un pouquiño ao futbol sen balón.
O día foi moi divertido e o que máis me gustou foi educación física."

A profe Lydia pensa que a descripción é moi completa pero se pregunta como será iso de "xogar ao futbol sen balón"???? Espero resolver esa dúbida pronto.

martes, 4 de octubre de 2011

Diario de...Marta

Estas son as reflexións que fixo Marta sobre a xornada lectiva cando chegou á súa casa:

"Hoy fui al colegio. Hice lingua galega y fui a informática. Después fui al patio y me lo pasé muy bien. Luego tuvimos coñe en inglés e inglés con la profe Mariví. Después fui al comedor y me lo pasé muy bien".

A profe Lydia quere completar un pouquiño ese diario. ¿Que estamos a facer en lingua? Estamos traballando co tema 1 do libro, co abecedario. Está costando un pouquiño manexarse coas libretas e fixarse que si na pizarra están anotadas as páxinas e os exercicios que hai que facer, hai que fixarse ben cando imos facelos na libreta. Supoño que dentro dunhas semanas estes problemas estarán superados.
Hoxe empezamos as clases de informática, que teremos os martes cada 15 días á terceira hora. Non puidemos traballar por parellas cos ordenadores porque a profe Loli confundiuse co horario e estaba alí cos seus alumn@s. Así que usamos a pizarra dixital para ver un video do noso blog sobre a xestación e para xogar na web palabras amigas. Que concentrados estaban buscando as palabras nas sopas de letras e adiviñando as palabras do aforcado. Ambos xogos son excelentes para traballar a atención e a conciencia fonolóxica".
Obviamente non podo falar do que sucedeu mentres os cativos da Reboraina traballaban coas profes Martina e Mariví. Se cadra pouquiño a pouco vanse soltando co diario e empezan a contar maís detalles.

lunes, 3 de octubre de 2011

O nacemento de Mateo

Este sábado naceu Mateo, o irmán de Marcos. Este acontecemento fixo que na área de Coñecemento do Medio empecemos un proxecto "Somos iguais, somos diferentes", a través do cal imos coñecer as etapas da vida, os nosos corpos por dentro e por fóra, o seu funcionamento, etc.
Hoxe empezamos falando das etapas da vida e das características de cada unha delas. Sabemos que Mateo acaba de iniciar a etapa da infancia, pero ata que naceu o sábado estaba noutra etapa. Ninguén soubo dicir como se chama esa etapa pola que pasou Mateo, pero si o nome da etapa pola que pasou a súa nai: o embarazo. Apareceron dúbidas sobre se os bebés simplemente crecen no útero ou "se forman". Temos a continuación un video que explica o que pasa durante os nove meses e na banda da esquerda temos unha nova sección co título do proxecto (Somos iguais, somos diferentes) na que irei colgando enlaces relacionados co que estemos a traballar na aula. Que disfrutedes da experiencia!

sábado, 1 de octubre de 2011

Donte e Margarida xa son amigos

Dende o primeiro día de clase os cativos da Reboraina saben quen é Donte: a mascota da biblioteca do meu anterior colexio, o CEIP Rosalía de Castro de O Grove. Como visitamos con frecuencia "O blog de Donte" a primeira semana de clase propuxeron que podiamos facer un mural de Donte e Margarida "sendo amigos", pois ambos son mascotas de biblioteca. Antes de facer o mural para colgalo ao lado da pizarra, tal e como eles propuxeron, o venres pasado cada un plasmou en papel a súa visión sobre a amizade entre Donte e Margarida. Estes son os resultados:

Diario de ...Julen

Este venres, último día de setembro, levou o diario para casa Julen. Estas foron as súas impresións sobre a xornada lectiva:

"Hoxe fixemos unha ficha de cálculo e logo fixemos un exame. Despois fomos a ximnasia, pero Jose máis eu non fixemos nada. Máis tarde fixemos un debuxo para a clase e despois fomos ao recreo. Os que non remataran continuaron e os outros fixeron un debuxo máis grande. Ao final visitáronnos profesores doutros colexios.
Pareceume un día moi longo e divertido".

Estas foron as palabras de Julen. Os venres estamos cansos, así que é o día máis lixeiro a nivel académico, a pesar de que empecemos a primeira hora con exame. En plástica empezamos a facer as persoaxes de conto que cada un escolleu. Os máis rápidos fixeron traballo en equipo para colorear dous murais: o de Carapuchiña e o de Donte e Margarida. No noso album picasa xa hai unha carpeta aberta con fotos de todo o proceso para a decoración da aula e do corredor.
Un pouquiño antes de marchar para a casa chegaron á nosa aula os profes de Agrupaciones escolares. Estiveron apenas uns minutiños, pero ao longo do curso xa teremos oportunidade de coñecelos mellor, a eles e aos seus alumnos.