viernes, 30 de septiembre de 2011

Visita de "Agrupaciones escolares"

Tal e como comentamos na reunión coas familias, o ciclo de infantil e as titorías de 3º de EP pertencemos a "Agrupaciones escolares". Este curso imos compartir proxecto con centros de Galicia, Canarias, León, Aragón e Cataluña. Representantes deses centros estiveron hoxe de visita no noso cole. Primeiro estuvimos reunidos para falar das actividades que imos compartir e finalmente o profesorado visitante acudiu ás aulas para saudar aos nenos e nenas que van participar deste proxecto. A pesar de que foi unha visita moi curta ninguén quedou coas mans baleiras: cada centro levou de recordo unha foto de grupo cos nosos datos do blog, correo, etc para estar en contacto e as mestras de Teruel trouxéronnos un agasallo: uns bonecos "baturros". Como primeiro contacto non estuvo mal, esto é o principio dunha grande aventura...

jueves, 29 de septiembre de 2011

O diario de...Alba

Alba destacou no diario de aula o seguinte:
" Hoxe pola mañá estivemos vendo cousas novas do noso blog e despois fixemos lingua. Logo veu a profe martina a darnos Coñecemento en inglés e fomos ao recreo. Cando acabou fixemos matemáticas e tamén nos medimos. Foi moi divertido".

Comentarios da profe Lydia:
Efectivamente empezamos o día visitando o noso blog. Aproveitamos para ver as novas entradas publicadas de "que me conta..." e "diario de aula", os novos xogos e as novas seccións: a dos contos en xeral e a do conto de Carapuchiña vermella. De paso miramos o citado conto en video para irnos preparando para o traballo comparativo que imos facer...que ben o pasamos! Alba tamén sinalou que na hora de mates "nos medimos". Realmente a medida da altura de tod@s a tomamos o luns, o que fixemos hoxe foi a súa representación nunha gráfica, como se aprecia na fotografía.

miércoles, 28 de septiembre de 2011

Diario de...Marey

As palabras de Marey:
"Hoxe fixemos un mural e despois fixemos inglés e unha ficha de lengua. Logo fomos ao patio e xogamos nas árbores das gradas. Despois fixemos ximnasia. Foi un día moi divertido".

O mércores según a profe:
Empezamos a mañá coma sempre, recollendo as tarefas que levaron para a casa o día anterior e consultando no blog os datos meteorolóxicos. Despois chegou o momento de plasmar nun mural as ideas que sairon o luns con respecto a como debemos comportarnos nos lugares públicos e na casa. O mural quedou a medias, a ver se ao longo da semana o rematamos para poder colgalo.
Na clase de "lengua" recordamos o abecedario e entre todos, e sen mirar polo libro, definimos que é un abecedario ou alfabeto, e que é un diccionario. Logo chegou o momento de estrear as libretas: canto custan as cousas cando se fan por primeira vez! Sei que dentro dunhas semanas o traballo na libreta será máis fácil, pero de momento hai que ir a modiño. Tempo ao tempo. 

martes, 27 de septiembre de 2011

Que me conta...Jose Rodriguez

Continuamos coa segunda edición da sección "Que me conta...". Seguimos a orde de lista invertida, do último ao primeiro. Se empezou Lucía, agora é o turno de Jose Rodriguez. Estas foron as súas respostas:

Conto clásico favorito
"O parrulo feo", porque de pequeno era feo e de maior convírtese nun precioso cisne branco.


Persoaxe de conto que lle gustaría ser
"Gustariame ser o frautista de Hammelin, porque axuda á xente a desfacerse dos ratos do pobo".

Final de conto que cambiaría
Cambiaría o final do conto "Xoan e as xudías máxicas" "porque acaban matando ao ogro. Gustaríame que o ogro seguira vivo e se fixera amigo de Xoan".


lunes, 26 de septiembre de 2011

Expertos en Carapuchiña vermella

Tal e como avisamos na nota que enviamos o pasado venres, as titoras de 3º imos facer co noso alumnado un estudio comparativo das distintas versións do conto de Carapuchiña vermella. Creei unha sección na banda da esquerda onde a partir de hoxe irán todos os recursos (xogos, videos, etc) relacionados co citado conto. Para empezar que tal ver o conto en imaxes? Velahí vai un video!



Diario de...Jose

Neste dia empeza a colaboracion do alumnado na redaccion do noso diario de aula.
Hoxe é o turno de Jose, o primeiro da lista. Estas son as suas palabras:
"Hoy leimos la historia de un lapiz. A segunda, en musica, bailamos. Despues, en Coñecemento do medio hicimos matematicas. Fuimos al recreo y jugue al futbol. Despues nos medimos y fuimos a alternativa. Fue un dia muy divertido".

Graciñas Jose polas tuas aportacions. A profe Lydia completa algunhas cousiñas:
"Estamos a rematar o primeiro tema de Coñecemento do medio para o cal construimos a nivel oral as normas de comportamento que debemos seguir nos lugares publicos e na casa. Como pequena introduccion ao que imos traballar en breve fixemos unha medicion da altura de todo o alumnado e mais da titora. Como Brais non estaba a esa hora na clase intercambiamos as horas de Mate e C. M para estar todos xuntos para proceder a medirnos. Agora queda trasladar esas medidas a unha grafica..."

NOTA: hoxe blogger non me deixaba colocar os tils, polo que as palabras van sen puntuar.

Hábitos de estudio: manual para o alumnado

Como alumnos e alumnas de 3º é moi importante que cada vez sexamos máis autónomos realizando as tarefas escolares tanto no cole como na casa. Canda xa hai algo ben feito hai que aproveitalo non? Non necesito facer un manual para o alumnado porque a profe Luisa xa se encargou, e moi ben por certo. Colgouno no seu blog O manantial, pero se queredes podedes acceder directamente premendo na imaxe.
En breve publicarei outro manual, esta vez feito por min, sobre como poden as familias colaborar co tema das tarefas escolares no fogar.

Recursos web para o proxecto dos contos

Hoxe decidín crear unha sección nova, para colocar na marxe da esquerda, relacionada co proxecto do centro deste curso: Os contos. Alí colgarei enlaces interesantes que atope durante este curso e recuperarei tamén os que colgamos  no Blog de Donte, bitácora da biblioteca do centro onde traballaba o curso pasado: o CEIP Rosalía de Castro de O Grove.
Un destes novos enlaces será para o blog "Soñando cuentos". Nesta bitácora atopei unha recomendación de cine: "Kerity, la casa de los cuentos". Comprobei que a temos en carteleira en Vigo e parece que ten moi boa pinta, aparte de ter moito que ver co tema do curso. Se queredes máis información sobre a película premede na imaxe e accederes directamente á entrada que se colgou no blog "Soñando cuentos".

domingo, 25 de septiembre de 2011

Xa temos Album Picasa

Ola a tod@s!
Espero que estivesedes aproveitando ben o tempo porque a fin de semana esta chegando ao seu fin. Tiña pensado colgar hoxe un "slide" cos autorretratos que fixeron os nenos e nenas na primeira semana de clase. Pero a lei de Murphy di que todo o que pode sair mal saira mal e asi pasou:
  • Estou escribindo esta entrada sen tildes porque blogger, polo menos hoxe, non me deixa poñelos.
  • Non fun quen de crear o slide, seica teñen problemas coa web ou o problema o teño eu.
  • Tiven todos os problemas que podia ter e mais para crear o album picasa e enlazalo.
Por vergoña non penso dicir o tempo que necesitei para facelo, pero foi moito. Pero unha non deixa que os problemas a paralicen, e se non vai dunha forma vai doutra...asi que temos oficialmente un album picasa, enlazado permanente ao blog na franxa superior da columna da esquerda. So tedes que premer ahi para acceder ao seu contido. O primeiro album non podia ser outro que o dos autorretratos (xa que non houbo maneira de crear o slide). Xa sabedes dende este momento teredes todas as imaxes relacionadas coas actividades do curso no noso album.

viernes, 23 de septiembre de 2011

O primeiro exame...

Hoxe, remate da semana lectiva, tivemos un día lixeiro. Penso que co paso dos días todos imos un pouco cansos e é mellor acabar a semana dunha forma suave. Eso sí, lixeiro pero con traballo. Tocaba comprobar os froitos do estudio destes días a través dun exame escrito, o primeiro do curso. Quero disculparme porque cometín un erro ao copiar o código postal na pizarra, pero puiden comprobar que estades atent@s e fixéstedes que os vosos fillos e fillas memorizaran o correcto. O luns darei as notas e avanzo que seguiremos traballando estas direccións pero doutro xeito: cumprimentando un impreso onde se nos piden eses datos. Esto de traballar por competencias é o que ten, hai que facer as cousas de distintas maneiras para asegurarse de que as aprendizaxes están interiorizadas.

Houbo momentos para todo, como a plástica. Unha das ideas que xurdiu a semana pasada para decorar a clase foi a de facer debuxos de Margarida e de Donte (mascota da biblio do meu anterior colexio) xuntos. Quedei abraiada cos debuxos que xa me entregaron e non teño dúbida de que os que levaron para casa para rematar son igual de bos. A próxima semana os colgarei no blog para que os vexades.
Tamén andivemos retocando o horario e a próxima semana levaran un tamaño folio para ter na casa e pegarán un pequeno na súa carpeta. Se non foi antes o horario para a casa foi porque tivemos varios cambios nas especialidades e porque ata fai dous días non sabía cal ía ser a disponibilidade horaria da biblioteca e da aula de informática. Espero que este sexa o definitivo.
Que pasedes unha boa fin de semana.

jueves, 22 de septiembre de 2011

A importancia das bibliotecas familiares

Quero inaugurar con esta entrada unha sección adicada a "Orientacións ás familias". Dende a miña humilde condición de educadora intentarei contribuir con distintos consellos e orientacións que vos axuden na labor de apoio que desde a casa facedes ao traballo diario na aula. Somos un equipo que traballa en distintos lugares e a distintas horas pero cun obxectivo común: intentar sacer o mellor dos nosos nenos e nenas.
Nesta ocasión propoño un enlace que recomendaron no Blog de Donte, blog da biblioteca do meu anterior colexio. Trátase dun artigo relacionado coa importancia das bibliotecas familiares. Só tedes que premer na imaxe para acceder a el. Espero que sexa da vosa interese.

Camiño de convertirnos en expertos meteorólogos

Un día máis de clase e avanzando pouquiño a pouco no recordo de contidos de matemáticas e lingua galega traballados o curso pasado. Está costando poñerse as pilas pero acabaremos traballando a bo ritmo.
Unha das actividades que imos facer ao longo do curso é a de estar pendentes das prediccións meteorolóxicas. Todos os días miramos no blog as temperaturas máxima e mínima, o estado do ceo e a velocidade do vento, e facemos comparacións cos días anteriores ou cos que están por vir. De momento anótanse os datos nunha táboa colgada na corcheira, pero en breve cada neno/a levará conta dos datos na libreta de Coñecemento do Medio. Ao final de cada mes faremos unha gráfica cos datos. Ao principio costará un mundo pero cando remate o curso seremos uns expertos en trasladar datos a gráficas e interpretalos.
Ademáis hoxe engadimos unha novidade a esta tarefa diaria: mirar a temperatura a primeira hora da mañá e á última hora que teñan comigo e comparar a diferencia. Aproveitamos para traballar a lectura da temperatura en formato analóxico e a comparación entre graos Centigrados e graos Farenheit. Para iso levei á clase dous termómetros con distintos formatos para que aprendan a ler a temperatura en calquer soporte.
En resume, algo tan sinxelo como analizar as condicións climáticas diarias vainos facer posibles unha chea de aprendizaxes.

miércoles, 21 de septiembre de 2011

Aprender xogando

Visitando o blog "O manantial" do grupo de 3º A, comprobei que a profe Luisa vai por diante de min no que a colgar recursos educativos se refire. Gustáronme moito os enlaces de xogos de mate e lingua que colgou e tamén os colguei no noso blog. A partir deste momento os enlaces a distintos recursos educativos da rede podedes atopalos na sección da esquerda, distribuidos por materias. Agora só se trata de escoller e...a xogar e aprender á vez!

Seguimos experimentando...

Como se pode comprobar esta semana é a segunda vez que o blog cambia de imaxe, como sigamos así...
As presas por empezar a traballar co blog fixeron que o inaugurara sen ter a plantilla persoalizada. Despois decateime de que o blog de "Agrupacións escolares" usaba a mesma plantilla e rapidamente busquei outra. O criterio foi que fose atractiva pero, tal e como apuntou Pepa nos seus comentarios, as seccións da marxe tiñan pouca visibilidade.
Non sei se o comentei anteriormente pero esta é a primeira vez que administro un blog. Unha cousa e colaborar facendo entradas e outra moi distinta crear un blog de cero sen saber aínda as seccións que vas a ter e outras historias. Noutras palabras, vou aprendendo o que necesito facer sobre a marcha e como son perfeccionista se teño que votar tres horas para atopar o modo de facer o que quero, pois as voto. Así que ata que atope o diseño axeitado do blog haberá modificacións de cando en vez.
Nesta ocasión decidín que a plantilla tivese algo de cor pero con tres columnas claramente diferenciadas para distribuir mellor os contidos do blog: os referidos ao propio blog á marxe dereita e os relacionados con outros blogs, recursos, etc, á esquerda. Penso que os cambios foron a mellor pero quero saber a vosa opinión...a que estades esperando?

Unha mañá complicada

O martes parece que foi un día pouco afortunado, polo menos para Pablo e Alba. Pablo chegou a clase cun pinzamento nas vértebras, aínda que foi quen de seguir o ritmo da clase...Hai que coidarse!
Alba chegou ao cole moi afectada pola morte da súa mascota, así que aproveitamos a ocasión para compartir experiencias similares de perda dalgún ser querido: como nos sentimos, cal foi a causa da morte, as novas mascotas...Finalmente fixemos uns debuxos de homenaxe a todas as mascotas que xa non están con nós, especialmente a de Alba.

Respecto ás clases direi que o segundo día traballando o cálculo mental foi, en xeral, mellor cao primeiro. Parece que xa lle imos collendo o truco e espero que en breve sexamos todos unhas calculadoras parlantes. foi tamén o noso segundo día escribindo na axenda; aínda non a dominamos e hai que estudiar todas as súas partes pero...tempo ao tempo.

martes, 20 de septiembre de 2011

Cambiando a imaxe do blog

Como podedes comprobar, a imaxe do blog cambiou dun día para outro. As presas por inaugurar o blog fixeron que me decantase por unha plantilla sinxela que non cheguei a persoalizar. Vendo que era unha plantilla moi habitual decidín, tras uns días de rodaxe, que era o momento de probar algo diferente...e este é o resultado! Espero que guste.
Como xa dixen dende a primeira entrada, son unha novata na materia e vou aprendendo según necesito facer unha cousa ou outra, así que espero que a calidade do blog, tanto na forma como nos contidos, vai de menos a máis. Irán aparecendo novos cambios para facer o formato máis atractivo, novas seccións, sorpresas...Así que deberedes seguir ahí se non volas queredes perder!

lunes, 19 de septiembre de 2011

Que nos conta...Lucía

Ola a tod@s!
Empezamos a segunda semana do curso cunha sección relacionada co tema que se vai traballar no centro ao longo deste curso, os contos, e que se fixo no cole no que estaba o curso pasado.
Este fin de semana os cativos da Reboraina levaron unha ficha para casa con tres preguntas sobre contos. Os resultados desta pequena enquisa irémolos colgando sucesivamente no blog. Estas son as respostas de Lucía:
Conto favorito
" O meu conto clásico favorito é Hansel e Gretel e me gusta pola casa de chocolate e lambetadas porque...a quen non lle gustan as gominolas!"

Persoaxe de conto que lle gustaría ser
"O porquiño máis grande do conto "Os tres porquiños", porque foi precavido e construiu unha casiña máis resistente ao lobo."

Final de conto que cambiaría
"Gustaríame cambiar o que lle pasou ao lobo de Carapuchiña. Querría que no lugar de afogar no río fora á universidade e se convertira no protector de Carapuchiña e a súa avoa".

sábado, 17 de septiembre de 2011

Graciñas polos comentarios

A semana de apertura oficial do blog podemos valorala como todo un éxito, e porque aínda o blog está moi verde e ten moito que mellorar...Tivemos comentarios de distintas fontes:
  • As familias do alumnado.
  • Margarida, a mascota da nosa biblio, que aparte de valorar este proxecto positivamente, engadiu un enlace directo ao noso blog dende o blog da biblio. Problemas técnicos nos impiden, de momento, ter tamén un enlace directo con Biblioreboreda, espero que en breve podan estar os dous blogs enlazados.
  • Manu, o responsable de "O blog de Donte" (blog da biblioteca do colexio no que traballaba os dous cursos anteriores) tamén enviou os seus saúdos. Temos un enlace permanente co blog e aproveitaremos ao longo do curso moitas das ideas que se recollen ahí. Os cativos da Reboraina decidiron que hai que facer que as mascotas das dúas biblios, Donte e Margarida, sexan amigas, e estamos a traballar no tema...
  • A profe Susana, a titora que tiveron os meus nenos e nenas durante a etapa de infantil non se olvida deste grupo tan marabilloso e tamén nos está seguindo. Vai enlazar o noso blog co seu para que os seus alumn@s coñezan aos seus ex-alumn@s. Espero que pronto nós tamén podamos facer o mesmo.
Graciñas polo voso apoio.

viernes, 16 de septiembre de 2011

A nosa caixa viaxeira...

Que rápido pasaron estes primeiros días! Empezamos a mañá un pouco forte, cunha fichiña para ver o que lembraban @s alumn@s sobre o que aprenderon de Coñecemento do Medio o curso pasado. Unha vez superado o máis duro a cousa foi a mellor. Sempre chegamos aos venres un pouco cansos así que decidín deixar para o último día lectivo da semana actividades relacionadas coa plástica, a informática, a lectura... Con respecto a esta última teño que recordar que no mes de outubro retomaremos no centro o Plan de lectura silenciosa os xoves e os venres despois do recreo. Como non tiñamos caixa viaxeira coa que traer os libros da biblioteca para telos na nosa aula houbo que poñerse mans á obra. Reciclei unha caixa de cartón e a forrei e levei debuxos relacionados cos contos para que os nenos e nenas escolleran o seu para colorear, recortar e pegar na caixa. Saiunos unha caixa ...de conto!
Ao final da mañá traballamos un pouco co libro de lecturas de lingua castelá e explicamos un pouco a primeira fichiña que levaron para facer na casa.
Ata o momento foi a mestra a que se ocupou de levar o diario de aula pero a partir da próxima semana serán os nenos e nenas da clase os que se expresen. Cada día levará para casa o diario un neno/a distinto para facer un resumo da xornada escolar coa súa valoración persoal. Ao día seguinte o publicarei no blog xunto coa miña visión. Que bonito vai ser ter recollido o día a día de todo o curso contado polos seus protagonistas, non si ? Xa me tarda que chegue o momento...
Boa fin de semana!

jueves, 15 de septiembre de 2011

Mirando o blog e outras historias...

Hoxe foi un día intenso. Marcos chegou a dicir que marchaba tan canso que ía durmir dun tirón...
Comezamos o día visitando o noso blog. Proxectamos na aula para poder velo todos á vez, e como non temos pantalla na nosa aula, unha cortina de ducha solucionou o problema...hai que apañarse nesta vida!
Coñecemos as distintas partes e seccións do blog e visitamos os blogs recomendados: o do ciclo de infantil do noso cole (Pequesreboreda) e o blog da biblio do meu anterior cole.
Visitamos O blog de Donte porque o curso pasado traballamos o tema dos contos, xusto o que imos traballar no CEIP de Reboreda neste ano, e así iamos collendo ideas. A continuación fixemos un listado con todas as propostas para decorar a nosa aula e o corredor: estes nenos e nenas son moi creativos e dispostos!
Despois chegou a parte dura: ver que recordamos das mates do curso anterior. Costoume moito non axudalos pero necesito saber onde teñen problemas e onde non para partir de ahí para programar.
A continuación chegou a clase de Coñecemento do Medio en inglés coa profe Martina e logo o respiro do recreo. Menos mal que descansaron "do traballo mental" porque a continuación tocaba saber que tal están na área de lingua: dictado, actividades de comprensión lectora, ortografía...
Finalmente chegou a hora de marchar coa carpeta que vai ir e vir do cole á casa coas notas para as familias ou responsables legais, cos libros, libretas ou fichas para facer na casa...
Mañá remata a primeira semana de clase cunha valoración moi positiva en canto ao comportamento e motivación do grupo, espero que sigamos así.

miércoles, 14 de septiembre de 2011

Normas de comportamento

O martes falamos entre todos de cales debían ser as normas de comportamento dos cativos da Reboraina. Hoxe, xa redactadas as normas acordadas, Lucía tivo o honor de ler o documento que as recolle e que posteriormente todos firmaron. Estou convencida de que non imos ter problemas de convivencia pois o grupo de 3º B é moi bo.

martes, 13 de septiembre de 2011

Benvid@s ao noso blog e ao curso 2011-2012

Ola a tod@s:
Son a Profe Lydia, titora dos nenos e nenas de 3º B e quero aproveitar a inauguración deste blog para desexar a tod@s un bo curso e agradecer a rápida colaboración das familias tanto nas autorizacións para o uso da imaxe como para as propostas de título para este blog, o que fixo posible poder estrealo o segundo día do curso.

Imos usar este medio para difundir o traballo que se realice na aula, como vehículo de expresión das cousas que nos interesan, das nosas inquedanzas, como medio de comunicación entre o centro e as familias, como facilitador de recursos que complementen as aprendizaxes realizadas durante o horario escolar...O proxecto é ambicioso, pero son as nosas aspiracións as que nos motivan para traballar, para esforzarse en mellorar.

O blog irá evolucionando co paso do tempo. Neste momento temos só o esquelete pero pouco a pouco irémolo persoalizando e enchendo de contidos. Por suposto, estamos abertos a todo tipo de suxestións e colaboracións tanto das familias coma doutros mestres/as do centro. Para facelo podedes deixar os vosos comentarios en calquera das entradas que fagamos ou enviar un correo á nosa dirección: oscativosdareboraina@gmail.com

Saúdos e os mellores desexos para esta viaxe que imos compartir ao longo deste curso.