viernes, 22 de mayo de 2020

SER XENIAL EN INTERNET

Bo día, rematamos a semana cun tempo marabilloso e coa posibilidade moi real de entrar na fase 2 en breve. Repítovos o de sempre, tede cautela, que as cousas vaian mellor non significa que o problema se arranxara. Segue aí e seguimos sen vacina. 

Hoxe teño para vós un recurso que xurde da colaboración entre Google, Policía Nacional, o Instituto de Ciberseguridad (INCIBE) e a FAD. O proxecto chámase "Sé genial en Internet" e se trata dunha iniciativa para ensinar a nenas e nenos bos hábitos no entorno dixital. Ofrece recursos para familias e educadores e a peza central do programa é o xogo Interland. Se premedes na imaxe accederedes ao programa.


Que teñades unha boa fin de semana.
Unha aperta da profe Lydia

lunes, 18 de mayo de 2020

MÁIS RECURSOS E UN RETO

Bo día! Empezamos unha semana máis cun tempo marabilloso. Isto sempre axuda a recargar as baterías e a sentirnos mellor. Non hai nada de malo niso, sempre e cando non esquezamos que o perigo está aí. Estamos na fase 1, pode que a vindeira semana pasemos á fase 2. Pero debemos ter moito coidado cando saímos aí fóra. De como fagamos as cousas dependerá que non reculemos e volvamos a ter que estar confinados nas nosas cosas.

Para que non deixemos de ter isto presente teño para vós un artigo do blog Clubpequeslectores.com. Nesta publicación de finais de abril tedes acceso a:

  • Álbumes ilustrados de libre descarga
  • Libros sobre o confinamento e covid-19
  • Libros de narrativa de libre descarga
  • Imprimibles relacionados con libros infantís
  • Outros libros e recursos gratuitos
Só tedes que premer na imaxe para acceder á publicación.



Pero como hai vida máis aló do virus, paréceme interesante compartir con vós un reto da profe Amparo relacionado cos xogos tradicionais e aberto a todo o que queira participar. Se premedes na imaxe de debaixo accederedes á publicación da semana pasada onde se explica en que consiste. Non esquezades que está a vosa disposición tamén a páxina web de Educación Física, onde tedes unha chea de recursos que podedes empregar.



Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 15 de mayo de 2020

CONFLITOS ENTRE IRMÁNS/AS

Bo día! Sinto non ter estado máis presente ao longo desta semana, pero ás veces non se pode con todo.
A publicación desta semana do excelente blog clubpequeslectores.com pode ser xusto o que estades buscando moitos de vós. De toda a vida os irmáns/as por moi ben que se leven teñen os seus piques. Este período de cuarentena pode ser que fixera que se sexan máis evidentes. Se cadra é o momento de intervir para reconducir a relación, pero sempre desde a disciplina positiva e a educación emocional. E iso é o que se nos propón na publicación. Unha breve descrición xustificando a necesidade de traballar estes aspectos e, ao final, un pdf descargable con recursos prácticos sobre como facelo. Non ten desperdicio. O feito de que teña 31 páxinas non significa que sexa pesado de ler. Ao contrario, está cheo de exemplos e recursos concretos. Se premedes na imaxe accederedes á publicación. Ao final da mesma atoparedes o enlace de descarga do pdf.


Xa para rematar desexo que teñades un bo Día das Letras Galegas o vindeiro domingo. Coa cantidade de eventos que faciamos no cole nesta semana...Xa haberá máis anos!

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

martes, 12 de mayo de 2020

QUE DEBEMOS SABER SOBRE O FORNITE?

Bo día!
Este é o segundo día dentro da fase 1. Lembrade que hai que extremar as precaucións. Do que fagamos ou non fagamos agora vai depender o noso futuro, porque o virus segue aí.

Onte chegoume un correo da Asociación Érguete cun sinxelo pdf sobre o Fornite, ese xogo tan popular. Non son quen para dicir o que cada familia debe facer ou non na súa casa, pero sí podo compartir este documento para que reflexionedes sobre este xogo. Pensemos primeiro e actuemos despois. Repito, é un documento moi sinxelo que vos vai axudar a entender mellor en que consiste o xogo e por que hai que extremar as precacucións, no caso de que optedes por deixarlles xogar aos vosos fillos e fillas. Se premedes na imaxe accederedes ao documento.



Pode ser que esta semana publique menos do habitual, porque nestes días se me xuntaron varias xestións persoais e profesionais á vez. Pero iso non significa que non siga aquí. Lembrade que contades comigo para o que necesitedes e esté na miña man, ben a través dos comentarios desta publicación ou ben a través do correo electrónico oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 8 de mayo de 2020

MAIS RECURSOS PARA A EDUCACIÓN EMOCIONAL

Bo día!

Rematamos unha semana máis disfrutando de algo máis de libertade fóra da casa, pero respectando as normas indicadas porque ninguén quere unha volta atrás, verdade?

Hoxe volvo insistir na importancia dun axeitado desenvolvemento emocional. Sigo compartindo recursos deste tipo porque todo isto nos afecta en maior ou menor grao. Tamén podemos darlle a volta e aproveitar este tempo para facer en familia actividades que axuden a tratar esta temática. E diso tratan os caderniños que comparto hoxe: dunha serie de propostas, actividades e recursos por idades para compartir, de forma que , ao mesmo tempo, reforzamos o vínculo familiar. Só tedes que premer no caderniño das idades nas que estedes interesados. 






Que teñades unha boa fin de semana!
Unha aperta da profe Lydia

miércoles, 6 de mayo de 2020

RECURSOS PARA PROFES

Bo día!
Xa estamos no ecuador da semana. A publicación de hoxe está pensada para profes pero iso non significa que non sexa de utilidade para o resto da comunidade educativa, aínda que sexa con outros fins. 

O profesorado vive un momento complicado no que ten que adaptar a súa forma de traballar e mesmo, ás veces, empezar a facer tarefas que non fixera nunca . É dífícil estar preparando actividades sen saber se se van modificar as demandas dende a Xunta ou do goberno e facendo, á vez, traballo burocrático. E aínda máis difícil é seguir formándose á vez que se está a traballar dunha forma distinta á que se facía ata agora. Pretender encher de páxinas de recursos esta publicación sería absurdo porque o profesorado non dispón neste momento de tempo suficiente para revisalos. Por iso gustáronme dúas publicacións que compartiu  Orientación Andujar, porque son breves e concisas, e ao mesmo tempo, de utilidade.

 A primeira é unha recomendación de 12 recursos. Algúns deles os coñecía e outros non. Se cadra poden ser de utilidade para algúns no que queda de trimestre ou para ser tidos en conta para o vindeiro curso.


A segunda publicación é un curso en vídeo para facer mapas mentais  moi interesante.



Se premedes nas imaxes accederedes ás dúas publicacións.

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

martes, 5 de mayo de 2020

MÁIS CONSELLOS PARA ORGANIZARSE

Bo día!
Estamos na recta final do curso e a iso súmase o incio da desescalada. Temos uns horarios para as saídas e se facemos uso deles temos que organizarnos ben. Facer horarios, establecer rutinas é a mellor forma de facelo, como xa temos falado. Pero é así, tanto en tempos de cuarentena como en épocas normais.
Comparto con vós hoxe un recurso do D.O. do CEIP Eusebio da Guarda. É interactivo, polo que se ides premendo nos distintos apartados (a partires de 04) accederedes a máis información da que vedes. Premede na captura de pantalla para acceder ao recurso .



Sei que estou a insistir moito neste tema pero é porque me consta que o confinamento desestabilizou os horarios e as rutinas de moitas familias.
Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

lunes, 4 de mayo de 2020

ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE ORAL

Bo día!

Espero que disfrutásedes ben esta longa fin de semana. Seguro que máis de un aproveitou para facer saídas nos horarios permitidos dende o sábado, respectando as medidas de hixiene e distanciamento social.

Empezo a semana compartindo con vós un recurso que atopei no blog galego  "Prohibido non falar". Trátase dunhas recomendacións para estimular a linguaxe oral aproveitando as actividades cotiás na casa. Ás veces esquecemos que temos diante de nós oportunidades a diario que podemos aproveitar en familia e que, ao mesmo tempo, axudan na aprendizaxe.


Lémbrovos que se tedes calquera dúbida, suxestión, petición, etc á que pensedes que podo dar resposta, estou á vosa disposición, ben nos comentarios desta publicación ou escribindo un email a oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia