martes, 31 de marzo de 2020

...E SEGUIMOS COAS EMOCIÓNS

Bo día! Co ben que se estaba disfrutando do sol estes días, aínda que fora desde a casa, e resulta que temos que abrigarnos outra vez. Cousas da primavera...

Hoxe tráigovos un recurso que se complementa coas actividades do programa de Educación Responsable que subín onte. Trátase dunha proposta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para acompañarnos durante o confinamento. 

Nun caderno en pdf ensinan traballos realizados por nenos e nenas de distintas idades e, a partir da páxina 17, fan unha proposta de actividades para que cada un faga o seu propio caderno. Sacar ao fora o que sentimos e o que pensamos neste momento é unha boa idea porque nos pode axudar a levalo moito mellor. Se premedes na imaxe accederedes ao recurso.



Este caderno quedará na páxina de recursos (columna da esquerda) no apartado de recursos xerais.
Espero que este recurso vos sexa de utilidade.

Espero que teñades un bo día

Unha aperta da profe Lydia

lunes, 30 de marzo de 2020

RECURSOS DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN RESPONSABLE

Bo día, xa estamos a luns! Espero que pasásedes unha boa fin de semana dentro do que cabe. Como mínimo imos ter que estar outros quince días máis de confinamento e hai que manterse nas mellores condicións posibles.

Por este motivo recibimos novas do Programa de Educación Responsable, do que o centro comezou a formar parte neste curso. Trátase dun programa que pretende o desenvolvemento integral do alumnado a través de actividades para o desenvolvemento afectivo, cognitivo, habilidades sociais e creatividade. Como primeiro curso só un pequeno equipo do centro formado por 9 persoas é o que se forma e leva a cabo as actividades  co alumnado. Nos seguintes cursos o profesorado e o alumnado que leva acabo o programa vaise ampliando progresivamente.

O caso é que as normas impídennos subir os recursos pero non os resultados das actividades que facemos. Pero dado que estamos nunha situación excepcional, na que non temos alumnado presencial  para seguir o programa, enviáronnos un pdf con recursos para que as familias poidades utilizar na casa e que podemos compartir sen problema por webs, blogs , etc do centro. Deste modo podemos chegar a todo o alumnado do centro, incluso ao que neste curso todavía non participa no programa.
Só tedes que premer na imaxe para acceder ao pdf. Tamén quedará recollido na páxina web de recursos (na columna da esquerda) no apartado recursos xerais.



Espero que teñades un bo día. 
Unha aperta da profe Lydia


viernes, 27 de marzo de 2020

XOGO DE LECTOESCRITURA ONLINE

Bo día!
Xa estamos a venres, que rápido pasou a semana!. Por se non vos enteráchedes hai novas relacionadas coa segunda avaliación, vacacións de Semana Santa e terceiro trimestre, publicadas dende onte tanto na web como no instagram do cole.

Onte vin unha proposta no blog de 4ºB que me pareceu moi chula e que está aberta a quen quera participar. Eu xa estou pensando no vídeo que vou grabar para mandarlle á profe Amparo. Animádevos!

Cambiando de tema, hoxe vos traigo un recurso pensando especialmente naquel alumnado que estaba arrancando coa lectoescritura ou que ten dificultades coa mesma. O recurso ten varios niveis:

  • Nivel 1: vogais
  • Nivel 2:  sílabas directas
  • Nivel 3: sílabas inversas
  • Nivel 4: sílabas trabadas
Ollo! Este xogo educativo online só serve para ordenador, non se ve en tablets  e smartphones polo programa que usa. É sinxelo pero eficaz, e ten variedade de xogos dentro de cada nivel. Se premedes na imaxe accederedes a el . Pulsade onde pon comezar e accederedes á pantalla cos distintos niveis. Escollede o voso e...A xogar!

E isto é todo por hoxe. Espero que estedes levando o confinamento da mellor forma posible. Que teñades unha boa finde!

Unha aperta

A profe Lydia

jueves, 26 de marzo de 2020

EXPERIMENTOS PARA OS DÍAS DE COLE NA CASA

Bo día , que tal o levades? Xa estamos na metade da semana, non é que os días sexan moi diferentes uns doutros neste momento, pero significa que o tempo vai pasando. Un día máis é un día menos que nos queda de confinamento.

Onte volvín a pasarme polos blogs das compañeiras do cole. A profe Aida, entre os moitos recursos que subiu, mostrounos un conto sobre o coronavirus. A profe Rosa fixo unha proposta de facer marcapáxinas. En abril celebramos o día do libro así que é unha forma de irnos preparando. A profe Isabel achegounos recursos relacionados coa actuación de Aureas no cole, baile incluido para practicar na casa tamén. E a profe Amparo, deunos consellos de alimentación e hábitos saudables, algo moi importante sempre, pero especialmente nesta época aínda máis. Que haberá hoxe nos seus blogs ?

Non o sei, terei que  mirar despois de subir esta publicación. O que si sei é o que vos traigo eu, e está  está relacionado coas ciencias. O alumnado de maxisterio da Universidade de Salamanca preparou uns libros en pdf para facer experimentos na casa:
Tamén subiron a unha canle de youtube videos cos experimentos. Se premedes na imaxe accederes a ela.

Podedes ver cales vos gustan máis para facer e, sobre todo, escollede aqueles para os que teñades o material necesario na casa. Xa quedarán para outra ocasión os experimentos que precisen mercar algo. Salidas da casa as xustas, non vos esquezades.

Lémbrovos que na columna da esquerda tedes o acceso á páxina de recursos onde vou subindo os recursos que vos recomendo en cada publicación.

Déixovos por hoxe, ata mañá!

A profe Lydia





miércoles, 25 de marzo de 2020

MÁIS RECURSOS PARA TODOS E TODAS

Bo día!

Espero que estedes levando o confinamento da mellor forma posible. Afrontalo con tranquilidade e tratando de ser positivos é de moita axuda. Non pensemos no que non podemos facer senón no que sí podemos facer todavía. Valoremos o que temos, que é máis do que pensabamos fai nada.

Na distancia e cerca ao mesmo tempo. Graciñas ás novas tecnoloxías podo seguir as propostas das compañeiras que seguen un formato interactivo. Onte, por exemplo disfrutei cos recursos tan chulos que subiu a profe Aida para traballar os números, a proposta para facer mandalas da profe Rosa, o vídeo cantando a canción "La reina Batata" da profe Isabel e Ailen, as novas ligazóns con recursos da profe Amparo...Non é o mesmo que estar no cole, pero da gusto ver as propostas dos demais.

Hoxe teño que agradecer a un dos grupos de whatsapp de orientador@s de Galicia ao que pertenzo que compartiran os dous recursos que vos explico a continuación.

O primeiro recurso é a web que o goberno lanzou para apoiar o programa de Aprende en casa a través da televisión. Se premedes na imaxe accederes á paxina, directamente no apartado para as familias. Unha vez aí seguide as instruccións que se vos dan.


O outro recurso é unha presentación do "Ayuntamiento de Tres Cantos" con enlaces para ver online peliculas, museos, exercicios, libros, etc para toda a familia. Ninguén pode dicir que non hai recursos para loitar contra o aburrimento!

Isto é todo por hoxe. Lémbrovos que se tedes dúbidas, algunha petición de recursos determinados ou o que sexa podedes facer comentarios na publicación ou enviar un correo a oscativosdareboraina@gmail.com.

Que teñades un bo día!

A profe Lydia

martes, 24 de marzo de 2020

ACTIVIDADE SOLIDARIA E VIDEOTITORIAL

Bo día!

Hoxe asómome por aquí con dous obxectivos. O primeiro é difundir unha actividade proposta pola profe Loli que, como non ten contido relixioso a fai extensible a todo o alumnado do centro. Como ela explica estupendamente a súa proposta, se premedes no enlace accederedes ás súas instruccións. Pista: é unha actividade de solidariedade e empatía, algo moi necesario no momento que estamos a vivir.
O segundo obxectivo é que quede claro onde están os recursos da web do cole, pois houbo problemas para atopalos. No lugar de explicalo por escrito decidinme a facer o meu primeiro titorial. Espero mellorar no asunto se teño que facer máis. Dádelle ao play!


lunes, 23 de marzo de 2020

CONSELLOS PARA O CONFINAMENTO E DOUS RECURSOS PARA INFANTIL

Bo día!
Empezamos o segundo día sen clases, e parece que non vai ser o último. Lémbrovos que a partir de hoxe hai contido por idades en clantv para primaria e na 2 para secundaria. Onte deixeivos os horarios por idades e as materias de cada día.

Os que me coñecen saben que son fan da web gciencia.com e que moitas veces teño empregado os seus artigos nas ciencias e para facer comprensións lectoras. O venres pasado publicaron un artigo con consellos para levar o confinamento da mellor forma posible. Ía redactar eu un listado de consellos pero, a verdade, é que este listado paréceme moi completo. Se premedes na imaxe accederedes ao artigo.


Ata o de agora subín recursos xerais e para primaria e secundaria, pero nada específico para infantil. Nos blogs de infantil do cole (sorrisosdexirasol e pequesreboreda) estase a publicar durante a cuarentena. Ademais, como orientadora, recoméndovos duas canles de youtube que teño empregado co alumnado da EEI de Ventosela con éxito. Por se acaso non as coñecedes déixovos os enlaces:
Lembrade que todo o que vou subindo tamén o vou incluindo na web de recursos, columna da esquerda, para que vos sexa máis fácil localizar os recursos en días posteriores. Tampouco vos esquezades que podedes facer peticións, suxestións de contido a subir, preguntar dúbidas etc tanto nos comentarios de cada publicación que subo como a través do correo deste blog: oscativosdareboraina@gmail.com

Isto é todo por hoxe, salvo que algún imprevisto, novidade ou o que sexa me faga facer unha doble publicación hoxe. Do contrario, estarei buscando material para subir os próximos días e en contacto para quen o precise.

Unha aperta

A profe Lydia


domingo, 22 de marzo de 2020

APRENDEMOS NA CASA E NOS RELAXAMOS COA PROFE ISABEL

Bo día familias!
Non tiña pensado publicar hoxe, pero como dicimos os galegos mellor que sobre a que falte, non?
Aínda que xa subín información ao Instagram do cole sei que non todos tedes esta aplicación. Conto co boca a boca e coa difusión desta iniciativa na televisión tamén. Pero, por si acaso, aquí estou.

Mañá luns 23 disporemos dun novo recurso na televisión que complementa as indicacións que vos estamos facendo dende os distintos medios dos que dispoñemos no cole. O novo recurso chámase:

A través de dúas canles de televisión, la2 e clantv, e coa colaboración de distintas editoriais, haberá recursos diarios para o alumnado para todas as materias e en función da idade. Aquí debaixo tedes o horario:

Se premedes na imaxe faise máis grande para poder vela mellor.

Aínda que xa me enterara da noticia onte, hoxe unha profe que traballou varios cursos no cole e foi a miña compañeira un deles, mandou polo grupo de whatsapp máis información co horario das canles que estou a compartir. Graciñas Rosa Juncal!

Xa para rematar, déixovos cun enlace á publicación que a profe Isabel fixo este venres, dende o blog de música, con paisaxes sonoras e exercicios para que podamos relaxarnos todos. Graciñas Isa.

Despídome por hoxe, que teñades boa tarde, iso sí, na casa. Unha aperta

A profe Lydia




viernes, 20 de marzo de 2020

MODIFICACIÓN DA NORMATIVA DA CUARENTENA QUE AFECTA AO ALUMNADO TEA E OUTROS

Bo día, segunda publicación do día pero isto non podía esperar. Esta modificación na normativa da cuarentena entra en vigor hoxe mesmo, pois xa saiu publicada no BOE fai unhas horas.

Como ben sabedes, temos os movementos restrinxidos ao indispensable pero o goberno acaba de facer unha modificación. As persoas con discapacidade, que teñan alteracións condutuais, como por exemplo persoas con diagnóstico de TEA e conductas disruptivas, que poden ver agravado o seu estado polo confinamento poden saír á rúa cun acompañante sempre que se manteñan as medidas necesarias para evitar o contaxio.

Na nosa comunidade educativa hai persoas con este perfil polo que  vin necesario compartir  esta información que me chegou a través do grupo de whatsapp dos orientadores Choqueiros. Graciñas Manuel por compartir.


Se premedes na imaxe teredes acceso ao BOE en pdf onde se recolle esta nova aclaración. Se coñecedes familias nesta situación compartide, por favor.


RECURSOS GRATIS DA EDITORIAL LA CALESA

Bo día a todos e todas. Como xa comentei o mércores neste blog vai haber espazo para todo tipo de recursos, pois o Departamento de Orientación ten que dar resposta a toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, familias...Así que recomendo que vos pasedes por aquí todos os días, para que comprobedes o que hai, aínda que tratarei de ser o máis equitativa posible cubrindo todos os frentes.

Se na primeira entrada tocou subir un recurso de yoga, que nos ven estupendamente a todas as persoas neste momento, hoxe toca ir á parte máis académica. A profe Ángeles faloume  onte deste recurso e decidín difundilo a través do blog. Trátase dunha iniciativa da Editorial La Calesa, totalmente gratuita. Poñen á nosa disposición un total de 10 caderniños, un por curso ( de 1º EP ata 4ºESO) nos que se recollen exercicios de ortografía, comprensión lectora, expresión escrita, matemáticas e cálculo ABN. 

Que hai que facer? Preme na imaxe do anuncio da editorial para acceder á súa web. Alí baixando a pantalla de inicio veredes os enlaces aos distintos caderniños. Preme no curso que che interese para acceder ao pdf e listo. Dependerá de vós , se tedes impresora ou non,o tema de imprimir ou facer os exercicios en papel mirando para a pantalla. Este enlace aparecerá tamén na páxina de recursos do blog, arriba de todo na columna da esquerda, no apartado de recursos xerais.



miércoles, 18 de marzo de 2020

MESMO BLOG DISTINTA FINALIDADE

Boas tardes

Son Lydia, a orientadora do CEIP de Reboreda. Moitos de vós coñecedes este blog porque era o que usaba cos meus grupos de 3º e 4º cando era titora. A partir de hoxe este blog pasa a ser o blog do Departamento de Orientación do centro. A idea era levantar un blog de cero o vindeiro curso, pero certo virus que anda por aí solto pillounos a todos a pé cambiado e como o que quero é axilizar as cousas neste momento, decidín reutilizar este blog. Así que alguén que entre por primeira vez que non se sorprenda do contido anterior que se poda atopar nel.

Todos os días a partires de hoxe teredes unha publicación no blog recomendándovos un recurso e explicando a súa utilidade. Iremos subindo recursos de todo tipo e para todas as idades. Se tedes algunha dúbida, comentario ou petición que facer podedes facelo a través dos comentarios habilitados debaixo de cada publicación e a través do correo do blog: oscativosdareboraina@gmail.com.

Na columna da esquerda tedes un acceso directo á páxina de recursos, na que irei engadindo o recurso que recomende cada día. A idea é que non vos atopedes con moita información de golpe e que podades atopar os recursos cando queirades sen necesidade de andar para diante e para atrás no blog.

Hoxe vouvos recomendar un recurso que xa coñecen os meus exalumnos/as de 5º. Trátase dos vídeos de youtube de Cosmic Kids Yoga. Porque metidos na casa necesitamos baixar revolucións dalgún xeito, que mellor que facer algo de yoga na casa! Aínda que os vídeos están en inglés dou fe de que se poden seguir sen problemas pois nós así o fixemos na clase en moitas ocasións. E, se aínda por riba espabilamos o oído para o idioma podemos deixar abraiados á profe Ángeles e ao profe Alex cando se retomen as clases, non si?

Se premedes na imaxe accederes ao recurso. Tamén podedes acceder prememdo no icono da páxina de recursos, na columna da esquerda.Unha vez na páxina seguide as instruccións e atoparédelo en recursos xerais.

Ata mañá!