miércoles, 18 de marzo de 2020

MESMO BLOG DISTINTA FINALIDADE

Boas tardes

Son Lydia, a orientadora do CEIP de Reboreda. Moitos de vós coñecedes este blog porque era o que usaba cos meus grupos de 3º e 4º cando era titora. A partir de hoxe este blog pasa a ser o blog do Departamento de Orientación do centro. A idea era levantar un blog de cero o vindeiro curso, pero certo virus que anda por aí solto pillounos a todos a pé cambiado e como o que quero é axilizar as cousas neste momento, decidín reutilizar este blog. Así que alguén que entre por primeira vez que non se sorprenda do contido anterior que se poda atopar nel.

Todos os días a partires de hoxe teredes unha publicación no blog recomendándovos un recurso e explicando a súa utilidade. Iremos subindo recursos de todo tipo e para todas as idades. Se tedes algunha dúbida, comentario ou petición que facer podedes facelo a través dos comentarios habilitados debaixo de cada publicación e a través do correo do blog: oscativosdareboraina@gmail.com.

Na columna da esquerda tedes un acceso directo á páxina de recursos, na que irei engadindo o recurso que recomende cada día. A idea é que non vos atopedes con moita información de golpe e que podades atopar os recursos cando queirades sen necesidade de andar para diante e para atrás no blog.

Hoxe vouvos recomendar un recurso que xa coñecen os meus exalumnos/as de 5º. Trátase dos vídeos de youtube de Cosmic Kids Yoga. Porque metidos na casa necesitamos baixar revolucións dalgún xeito, que mellor que facer algo de yoga na casa! Aínda que os vídeos están en inglés dou fe de que se poden seguir sen problemas pois nós así o fixemos na clase en moitas ocasións. E, se aínda por riba espabilamos o oído para o idioma podemos deixar abraiados á profe Ángeles e ao profe Alex cando se retomen as clases, non si?

Se premedes na imaxe accederes ao recurso. Tamén podedes acceder prememdo no icono da páxina de recursos, na columna da esquerda.Unha vez na páxina seguide as instruccións e atoparédelo en recursos xerais.

Ata mañá!


1 comentario: