martes, 5 de mayo de 2020

MÁIS CONSELLOS PARA ORGANIZARSE

Bo día!
Estamos na recta final do curso e a iso súmase o incio da desescalada. Temos uns horarios para as saídas e se facemos uso deles temos que organizarnos ben. Facer horarios, establecer rutinas é a mellor forma de facelo, como xa temos falado. Pero é así, tanto en tempos de cuarentena como en épocas normais.
Comparto con vós hoxe un recurso do D.O. do CEIP Eusebio da Guarda. É interactivo, polo que se ides premendo nos distintos apartados (a partires de 04) accederedes a máis información da que vedes. Premede na captura de pantalla para acceder ao recurso .



Sei que estou a insistir moito neste tema pero é porque me consta que o confinamento desestabilizou os horarios e as rutinas de moitas familias.
Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

lunes, 4 de mayo de 2020

ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE ORAL

Bo día!

Espero que disfrutásedes ben esta longa fin de semana. Seguro que máis de un aproveitou para facer saídas nos horarios permitidos dende o sábado, respectando as medidas de hixiene e distanciamento social.

Empezo a semana compartindo con vós un recurso que atopei no blog galego  "Prohibido non falar". Trátase dunhas recomendacións para estimular a linguaxe oral aproveitando as actividades cotiás na casa. Ás veces esquecemos que temos diante de nós oportunidades a diario que podemos aproveitar en familia e que, ao mesmo tempo, axudan na aprendizaxe.


Lémbrovos que se tedes calquera dúbida, suxestión, petición, etc á que pensedes que podo dar resposta, estou á vosa disposición, ben nos comentarios desta publicación ou escribindo un email a oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

miércoles, 29 de abril de 2020

A RUTINA E MÁIS IDEAS EN FORMA DE CONTO

Bo día!
Ao tonto e xa estamos no ecuador da semana, o tempo pasa voando. Hoxe quero lembrarvos a importancia de seguir unha rutina na casa. Pensade que pasamos de saír con completa liberdade a pasar ao confinamento obrigatorio de un día para outro e iso costou un montón.

Pero se durante este tempo na casa non levamos unha rutina saudable e, ao mesmo tempo, flexible, a volta á "normalidade" custará aínda máis. Non é o mesmo pasar unha fin de semana de manta e sofá, cos horarios cambiados e comendo trapalladas, que facer iso durante semanas ou meses, non credes?

Por iso, e a pesar de que xa deixei recomendacións ao respecto nas primeiras publicacións, deíxovos un pequeno recordatorio que publicaron no CEIP Eusebio da Garda. Curto, sinxelo e claro, espero que vos guste. Só tedes que premer na imaxe.



E xa para rematar, por se segue habendo dificultade á hora de pensar en que podemos facer na casa, déixovos unhas propostas, esta vez en modo de conto.



Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

martes, 28 de abril de 2020

RECURSOS DE EDUCACIÓN RESPONSABLE

Bo día! 
O programa de Educación responsable segue a pensar en nós, aínda que estemos na casa. Enviáronnos un terceiro documento con recursos para seguir a traballar de maneira integral o desenvolvemento afectivo, cognitivo, social e a creatividade dos nosos nenos e nenas.

Xa é o terceiro documento que nos envían e recolle o contido dos dous anteriores. Aparecen diferenciados, e por orde, os recursos que aparecían no primeiro documento, no segundo e os que se engaden neste documento (cunha bombilla diante). Para acceder ao programa só tedes que premer na imaxe.


Lémbrovos que se tedes algunha consulta que facer, algunha proposta de contido que queredes ver, etc podedes poñervos en contacto comigo a través dos comentarios de cada publicación ou escribindo un email a oscativosdareboraina@gmail.com

Que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

lunes, 27 de abril de 2020

GUÍA PARA AS SAÍDAS CON NENAS E NENOS

Bo día, espero que tivesedes unha boa fin de semana.

A saída dos nenos e nenas, medida que levaba días en boca de todo o mundo, fíxose efectiva onte. Dende o balcón do meu piso  vin de todo, é dicir, persoas que respectaban as indicacións dadas polo goberno e persoas que non. Trátase de que velemos pola nosa saúde e pola de todos, é preciso facelo ben.

Atopei a guía que publicou o goberno para facer estas saídas  de forma correcta. Se premedes na imaxe accederedes a ela.



De todos os xeitos quero que non esquezades que hai moitas formas de divertirse e de manterse en forma, de desconectar, de coidar da nosa saúde, etc que non precisan saír da casa. Se visitades a páxina de Educación Física do cole tedes unha chea de recursos que a profe Amparo e o profe Guillermo seleccionaron con ilusión para vós. Podedes acceder a ela visitando a páxina web do centro e premendo na casilla de Educación Física ou premendo na imaxe que a aparece a continuación.



Espero que teñades un bo día.
Unha aperta da profe Lydia

viernes, 24 de abril de 2020

HOXE, COLABORACIÓNS ESPECIAIS

Bo día, para min hoxe é un día especial. O motivo, tiven que cambiar o que ía publicar porque tres compañeiras distintas compartiron recursos comigo que  me pareceron tan estupendos que decidín compartilos tamén neste blog.

A través da profe Rosa Juncal, que traballou no centro en varias ocasións, coñecín un recurso que subiron ao seu blog o equipo de docentes do CEIP Rosa Luxemburgo, en Parla. Trátase dunha Gymkana literaria con distintos recursos para divertirse e, ao mesmo tempo, celebrar o día do libro.


A profe Belén, titora de 1º, envioume un conto que aparece na páxina de recursos de ARASAAC. Trata especialmente do que hai que facer cando os nenos e nenas poidan saír á rúa, a partires deste domingo.



Por último, a profe Ana da EEI de Ventosela, envioume un enlace a un vídeo que fixeron os nenos e nenas da súa escola sobre o coronavirus. Tamén participaron algúns irmáns maiores que estudian no cole de Reboreda.




Graciñas ás tres por compartir estes recursos.

Despídome por hoxe, que teñades unha boa fin de semana.
Unha aperta da profe Lydia

jueves, 23 de abril de 2020

FELIZ DÍA DO LIBRO

Bo día!
Cada ano celebramos o 23 de abril o día do libro. Normalmente temos actividades no centro que incluían os últimos anos, invitar ás familias á vir ao centro a facer a lectura silenciosa co alumnado e profesorado. Obviamente iso non o podemos facer, pero non significa que non podamos celebralo doutras maneiras.

A miña forma de celebrar este día é compartindo varios recursos relacionados co tema. O primeiro deles é invitaros a visitar o Salón Virtual do libro. Este ano, por motivos obvios, non hai Salón do libro en Pontevedra. Pero sí hai unha proposta virtual con actividades coas que podedes pasar un bo rato. Se premedes no enlace accederedes a elas.

O resto dos recursos de hoxe son 3 libros que vos poden interesar por distintos motivos. Se premedes nas imaxes accederedes aos libros en pdf.

"Un cuento para la imaginación" é un conto interactivo para ler en familia cos máis cativos e ir construíndo a historia contestando ás preguntas que aparecen.

"La máquina del tiempo" trata  dun neno que ten que pensar que quere de agasallo de aniversario porque a súa avoa así llo pediu. É interesante ver como vai cambiando de opinión e por que.


O último libro titúlase "Mi casa es un castillo". Presenta rutinas para os nenos e nenas que non poden saír da casa e unha breve introdución para as familias para orientar no seu uso.


Espero que vos gusten. Que teñades un bo día!
Unha aperta da profe Lydia