miércoles, 15 de abril de 2020

...A VOLTAS COAS EMOCIÓNS

Bo día!

Xa estamos no segundo día de clases do terceiro trimestre. Andamos pendentes do que decidan as autoridades na reunión de hoxe pero, mentres, hai que tirar para adiante, non queda outra. Gustoume ver onte as propostas das compañeiras que teñen blog: o traballo con rimas da profe Aida; o novo reto da profe Rosa; os consellos de hixiene postural e propostas para facer malabares da profe Amparo; as mensaxes de ánimo e as danzas para subir a enerxía da profe Isabel e a inauguración do blog de 6º cunha proposta de expresión escrita sobre o coronavirus. Mirar o que suben cada día é o máis parecido a reunirnos na sala do profesorado para comentar en que proxectos andamos metidos...

En fin, imos ao lío...Como xa comentaba onte, a xestión emocional é importante sempre, pero nestas circunstancias aínda máis. Así que todas as semanas incidirei en aspectos relacionados coas emocións para tratar de levar isto, e todo en xeral, da mellor forma posible.

Como xa sabía da miña intención, a profe Vero, do programa ARCO, que daba reforzo nas aulas en 5º e 6º, púxose en contacto comigo para falarme de dous recursos que atopou para traballar nesta liña. Graciñas profe!

O primeiro deles é un conto que comparten de forma gratuita emoveriainteligenciaemocional.com.
Trátase dun libro que facilita a expresión das emocións e da alternativas para o aburrimento nesta época. Se premedes na imaxe accederes ao enlace de descarga.


O outro recurso é tamén un libro en pdf ao que dan acceso gratuitamente palabrasaladas.com. É unha proposta completa que ven con fichas de traballo tamén. Na páxina que vos deixo enlazada explican perfectamente o recurso e como podedes empregalo. Só tedes que premer na imaxe.



Supoño que mañá xa teremos noticias sobre as decisións que as autoridades tomaron respecto do terceiro trimestre. Mentres tanto, aproveitade o día!

Unha aperta da profe Lydia

2 comentarios:

  1. Grazas unha vez máis polas túas aportacións, e a tod@s @s que participan delas. Estou de acordo en que é unha forma de manternos en contacto e dalgún xeito coordinados.
    Coidádevos moito!
    Amparo.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas Amparo, hai que tratar de aportar sempre, algunhas veces acértase máis e noutras menos, pero o caso é facelo. Seguiremos reuníndonos virtualmente cada día a través dos blogs. Unha aperta

    ResponderEliminar