miércoles, 30 de noviembre de 2011

Diario ...da profe

A profe "mutou" ao longo da mañá, e iso fixo que a súa memoria quedase afectada e esquecese entregar (outra vez!) o diario de aula ao seguinte da lista, así que a versión do día de hoxe, é a versión da profe.

"Que hai mellor que empezar o día cun exame de mates? Se cadra moitas cousas, pero como hoxe tocaba facelo, canto antes mellor, non? Así que os cativos da Reboraina fixeron o seu segundo control das táboas portándose con total correción durante o exame, pois saben moi ben cales son as normas. De seguido continuamos cos datos do tempo do mes de novembro, que hoxe chegou ao seu fin. A xefa de estudios veu a avisar de que non iamos ter inglés porque a profe Mariví faltaba e, entón, eu, a profe Lydia, mutei, e me transformei na profe Liriví para quedar con eles. Este "cambio de personalidade" provocou que lles puxera unha proba sorpresa sobre os alimentos relacionada co xogo educativo co que estiveron traballando onte en informática.

Mentres eles facían a proba, eu aproveitei para correxir os controis das táboas e poder darlles as notas a continuación. Nótase que estiveron practicando mooito na casa! Chegou o momento de marcar as tarefas para a casa e como había algo de rebumbio decidín restar cinco minutiños de recreo e engadir unha tarefa extra. Non me gusta tomar estas medidas, pero se hai que facelo, se fai.

A terceira hora tiñamos xa na clase a Brais máis á profe Alejandra. Entre todos estivemos dicindo palabras con "c" e "q", para lembrar cando se empregran. Aproveitamos esas palabras para repasar a separación en sílabas, a clasificación de palabras segundo o seu número de sílabas e a sílaba tónica. Despois chegou o momento de practicar un pouco a panxoliña que imos cantar no festival. O que se dice cantar non cantamos, máis ben repasamos os signos da primeira estrofa e do estribillo para facer unhas video-leccións que irei colgando no blog.

Chegou a hora do recreo e, coma todos os mércores, saímos escopetados! Os nenos e nenas da clase respectaron o seu  castigo e unha vez esgotado o tempo do mesmo puideron xogar con libertade. Á volta do recreo chegou o momento do ditado e das autocorrecións con opción a medalla. Houbo unhas cantas medallas, parece ser que empezamos a fixarnos máis nas cousas por fin.

Como non quere a cousa, chegou o momento no que o profe Guillermo apareceu para levalos ao pabellón "a mover un pouquiño o corpo". Que farían hoxe con el? Espero que mañá me conten todo, pois estou abraiada coa morea de xogos que coñecen gracias ao profe de Educación Física.

E isto foi o día de hoxe. Gustoume pasar unha hora máis co meu alumnado, ao igual que aconteceu o luns. Se cadra o que levo peor dos tres primeiros días da semana é non ter clase a última hora con eles para poderme despedir, cousa que si acontece os xoves e os venres. Pola contra, teñen todas as primeiras horas comigo, así que non se pode ter todo, non si?

NOTA: Xa correxín a proba sorpresa de CM e teño que dicir que estou bastante contenta cos resultados. Como digo sempre, non só facendo traballo na libreta é como se aprende, hai moitos outros xeitos e hai que aproveitalos todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario